A Miserela da Pobra: lugar de augas revoltas

ISABEL SANTOS

FIRMAS

28 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre que dende nena escoitaba que o Apóstolo Santiago, San Andrés de Teixido e a Virxe da Barca foran trasladados nunha barca de pedra, sentía curiosidade. Pois acabo de atopar a explicación máis fermosa: vén de «ártabros», que serían o pobo dos «barcos de pedra de moer». As barcas tiñan esa forma, o que parece corroborarse ao compararmos as embarcacións tradicionais portuguesa e galega: bateira e dorna.

Nese milagre pétreo que é o río Pedras, cheo de penedos para permitir que San Mauro chegase á Curota fuxindo con éxito dos mouros, achamos unha ponte medieval, próxima aos restos do convento da Miserela, e unha barca de pedra, a de San Xoán. Noutra fuxida, máis cara ao sur, o Demo troca unha ponte pola alma dun home que escapa da xustiza. Estamos a falar da Ponte do Diabo, en pleno Parque luso de Peneda-Gerês.

Nos dous lugares conflúen lendas, pontes e ríos con fervenzas. Por iso podemos botar man do latín para chegar a miscere, «mesturar», en portugués «mexer». É que as augas do río Pedras e do Rabagão están bastante mexidas ou revoltas cando pasan por debaixo das pontes da Miserela.