O novelista de Allariz Alfredo Conde regresa máis de 40 anos despois á poesía
02 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Máis de 40 anos despois de Mencer de lúas (1968), o seu primeiro libro, Alfredo Conde presenta mañá na librería Arenas ColecciónAN. 69 poemas de amor (Trifolium). Entrementres, escribiu poesía, pero non se atreveu a publicala. «Aquel libro fíxome ver que son moi mal poeta e de que non debía seguir por ese camiño». Só que esta vez, ao saír do hospital en febreiro, tras doce días en coma, púxose a facer poemas á súa muller.
-E viu o libro deseguida.
-Levaba un feixe e díxenme: ?vou ver se escribo un poema por cada un dos anos que teño?, e fago 70 o 5 de xaneiro. Acordei escribirlle 69.
-¿Por que ColecciónAN?
-Bueno, a miña muller tivo unha galería de arte na Coruña que se chamaba ColeccionAN, por Ánxeles Novás
-O libro é bilingüe, ¿pero escribiu os poemas en galego?
-Escribinos en latín e despois traducinos ás dúas linguas [ri con ganas].
-O amor é o gran tema...
-Ao principio poden parecer abstractos, pero vanse decantando hasta formar case unha biografía recente. Estiven a punto de morrer e vinme ante unha nova vida.
-¿Hai reflexión ante a segunda oportunidade?
-Pode que haxa. Desde logo hai un recorrido vital: desde que foi encontrarme con Ánxeles, do que é renovar azos aos anos que eu teño, que non é unha coña; é que podería estar dando herba xa. De repente reparas na sorte infinita que tes, logo de dúas experiencias matrimoniais. E levo cinco anos con Ánxeles... e aínda non nos levantamos a voz. Isto é a placidez, a serenidade.
-¿Non conta nada anterior?
-Non, nunca o faría. Teño tres fillas e son o mellor que fixen na vida. Entón, teño moito respecto ás súas nais.
-¿Hai algún fío condutor con «Mencer de lúas»?
-Non. Mencer de lúas saíu no 68, cando andabamos con Voces Ceibes. Xa poucos se acordan, pero eu fun o gran comadrón de Voces Ceibes.
-¿A poesía pecha un ciclo?
-Xa teño outra novela feita para que non se poda dicir que 69 é o meu último libro.
-A do 69 é bonita cifra.
-É. Haberá xente que o compra a ver se topa pornografía.
ALFREDO CONDE ESCRITOR QUE PRESENTA «69 poemas de amor»