A socióloga e xornalista Isabel Pichel achega a «todos os públicos» o cancro de tiroides, coñecido como o do silencio, a través do cómic A viva voz. O libro creado pola boqueixonesa e presentado en Santiago recolle, dun xeito sinxelo e lúdico, todos os aspectos relacionados coa voz e a prevención de doenzas e quere servir de manual práctico para todos os profesionais que traballan coa voz. A publicación, de 52 páxinas, protagonizada por Faladoriña contén todo o que Pichel foi aprendendo ao longo do tempo sobre o tema pola súa conta.
«Perdín a voz, que é a identidade, a raíz dun cancro de tiroides que padecín hai cinco anos», explica. Acábanlle de dar a alta, pero este proxecto interdisciplinar era previo a coñecer esta boa nova e contou para facelo realidade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e unha escolma de colaboradores entre os que están os ilustradores Fonso Barreiro e Kiko da Silva, a foniatra Marisa Lois e o actor Luis Iglesia.