Picasso non debe marchar

FUGAS

Tardamos tanto en recuperar o vencello vital e artístico de Pablo Picasso coa cidade da Coruña, onde viviu entre os 9 e os 13 anos (1891-95), que non deberíamos resignarnos a volver á súa ausencia cando, o próximo 24 de maio, peche a exposición que agora podemos visitar nesta cidade e que refrenda a importancia esencial e definitiva da súa etapa coruñesa.

A exposición inaugurada o pasado 19 de febreiro (120 aniversario da primeira que fixo o pintor na Coruña) cumpre a misión exemplar de poñer en valor esta realidade e situar a Picasso nun contexto galego, rodeado de artistas e políticos liberais, socialistas e galeguistas (Ramón Pérez Costales, Isidoro Brocos, Pablo Iglesias, Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, etcétera). Un mundo finisecular galego no que están as claves de moitos dos seus comportamentos futuros, tanto na súa vida como na súa obra. Algo que acreditou o seu grande biógrafo John Richardson (con algunha limitación, certo) e que certificou Anne Baldassari, exdirectora do Museo Picasso de Paris. Galicia é ese lugar onde se definiu o destino do pintor.

Lamentablemente, esta exposición non se estenderá ata o verán, o que deixa fóra aos turistas visitantes que descubrirían nesta cita un atractivo difícilmente rexeitable, irresistible. Quero crer que os intereses políticos non tiveron nada que ver no sinalamento das datas, pero isto non obsta para reiterar unha preferencia inequívoca polos meses do verán. Porque tan importante coma que nós saibamos da realidade galega de Picasso é que o saiban tamén os demáis, os de fóra, os que aínda seguen escribindo Málaga-Barcelona-París-Antibes para sinalar o percorrido residencial e museístico do pintor.

Coido que todo o esforzo feito para poner en pé esta exposición quedaría en pouco se non servise ao propósito de conseguir un Museo Picasso na Coruña. Sei que isto son palabras maiores, pero todos os camiños se poden facer con ambición e talento. O contrario xa di o refrán o  que é: «Ocasión que pasou, paxaro que voou». Por esta exposición hai que felicitar a todos os debidamente acreditados e tamén aos que empuxaron desde atrás sen ningún recoñecemento. Para lograr ese futuro solidariamente irrenunciable, será necesarios o esforzo común. 

Porque todo o que quede por debaixo dun Museo Picasso como horizonte coruñés non debería satisfacernos.