«Somos vella escola, os anos pasan»

FUGAS

Isidro Cea

Ruxe-Ruxe están en forma. Documental á calor dos vinte anos da banda e novo disco na rúa, o décimo, «Un mundo perfecto». Máis optimista, abonda con ollar a foto promocional e ese sospeitoso parecido cun Gaiás en demolición para collerlle tamén o punto canalla

20 jun 2015 . Actualizado a las 18:16 h.

Vituco Neira pon voz a Ruxe-Ruxe dende que, hai xa vinte anos, a banda entrou por primeira vez no local de ensaio.

-Sempre Adiante. Bo título para un documental.

-Estreouse o sábado no Principal de Compostela e para nós foi un momento moi especial. Jairo Iglesias quedou un par de anos con nós e estivo en todos lados. Nos concertos, nos ensaios, no estudo de gravación, de festival en festival, coma un máis da banda. Contou a película á súa bola, con total liberdade, e fixo un documental que dende o punto de vista da factura é espectacular.

-O disco tamén soa potente, aínda que distinto ao anterior, Némesis.

-Aquel foi un traballo concibido coma unha ópera rock. A historia dunha persoa atrapada pola crise, contada en 22 cancións, camiño da destrución. Este disco dálle a volta a Némesis. É un traballo optimista, que leva a crer nesa idea de que dende a individualidade e as pequenas cousas podes erguerte á mañá e pelexar polos teus soños.

-Ben se ve que nas fotos saídes cun mazo e esa especie de Cidade da Cultura derrubada de fondo...

-As fotos de Isidro Cea si teñen ese punto canalla, un pouco gamberro. Pero fíxate que case empregamos a mesma sesión fotográfica para os dous discos. Incluso a nivel gráfico e de deseño existe unha similitude. Aínda que dende un punto de vista completamente diferente funciona unha liña de continuidade.

-Do último disco que un quita dise normalmente que é o máis maduro. ¿É así?

-Cando me preguntan que mudou en todo este tempo eu diría que nos desprendemos de prexuízos a medida que nos facemos vellos. Perdes o medo a falar dos teus estados de ánimo, cousas íntimas que non me atrevería a gravar hai vinte anos. Ao mesmo tempo este disco tamén me parece o máis próximo ao punk adolescente, a ese rollo dos grupos de punk californiano. Así que cada un que quite a súa idea.

-¿E logo? Vella escola, ¿non?

-Esa canción fala de algo importante para o grupo, a amizade. Unha conversa nunha taberna da Zona Vella de Santiago. A miña favorita. Non sei se é bo ou malo, pero somos vella escola; os anos pasan.

Cangas. Local Social de Vilariño. 20 de xuño