«Malas linguas»é un xigantesco traballo. Catro cedés nun, froito de dous anos de gravación nos que a banda de A Bandeira reinvéntase. Cheo de colaboracións ?«semella que quen non estea nesta lista non é músico», disque dixo xurxo souto? non faltan nin as veciñas de Ardebullo
03 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Vai ser difícil que alguén iguale o segundo lanzamento de Tu Mujer Nos Engaña. Lolo Arincón, guitarra, harmónica e coros, destripa este cuádruplo cedé.
-Non me resisto a preguntar polo nome do grupo.
-Púxenllo eu, pero xa non me lembro moi ben nin por que. O mellor é que cadaquén pense o que lle veña á cabeza.
-¿E esta idea de arrincar con catro discos nun?
-Logo de gravar aquel primeiro disco caseiro decidimos construír un estudo de gravación e un selo discográfico. Cando comezamos os ensaios pensei en tentar algo que rachase. Cando es o primeiro en facer algo, iso non o move ninguén. Eu levo na música dende o 93 e se algo aprendín é o que non quero. O verdadeiramente caro, nunha gravación, é pagar o estudo, o mástering, a mestura. Nós tiñámolo e nos propuxemos facer ese algo distinto. Fíxate que ao principio eran cinco...
-Vituco, Bocixa, Cereijo, Avendaño, Xurxo Souto... E así ata vinte colaboracións. Non debe de ser doado.
-Saíusenos un pouco de madre, pero está funcionando ben e só coñecer tanta xente con tanto nivel foi un flipe. Ao principio preguntáronnos se estabamos tolos, pero nin un só nos dixo que non. E enriba custa 10 euros. Nos chinos non sería máis barato.
-Entre eles, Fernando Madina, de Reincidentes.
-Non o coñeciamos persoalmente, pero a min Reincidentes sempre me gustaron. O tema no que colabora é moi reivindicativo, e a el gustoulle moito que estivese en galego. Agora estamos en contacto.
-E tamén Mucha e Nucha.
-É que fomos a Tourilandia xusto o día que pecharon o programa e ocorréusenos chamalos. É un tema moi divertido. Ata as miñas fillas e a miña sogra acabaron pasándoo enormemente ben.
-¿E en directo? Isto hai que defendelo panza arriba.
-Estivemos no Derrame e cremos que a xente quedou con gañas de máis. O bo é que hai estilos moi distintos. No disco fixemos corenta temazos. Si me gustaría subliñar que a baixista titular era Noelia a cantante, pero por unha tendinite tivo que deixalo. Así que a metade de gravación contamos co seu irmán, Francisco Montoto, que é un máis.