«Fío e agulla» é o primeiro traballo de Pelepau, unha formación de 12 percusionistas que reivindican as cántigas de taberna mesturadas co pouso que deixa en Galicia ser un pobo emigrante
07 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Alexandre Fernández (Vigo, 1977) é un dos compoñentes e o representante de Pelepau, un grupo que dende o 2010 defende o poder da percusión como xeito de expresión artística e que recolle a cultura das treboadas do Baixo Miño e a Raia de Portugal. Agora andan presentando Fío e agulla, gravado no seu local de ensaio, o taller de costura da nai dun dos integrantes, e din que é «coma un pequeno fillo».
-Que cambios tivestes?
-Houbo un cambio de compoñentes, quedamos cinco dos primeiros e tamén unha evolución. Ao comezo era un grupo para tocar na rúa, con cancións de sempre, e pola boa resposta tivemos que facer un espectáculo máis de escenario, dinámico, interactuando co público, movémonos en todo momento e contaxiando ese ritmo á xente.
-Moita evolución, entón?
-Si, a nivel vestimenta e de temas. Xa non son os máis populares, xa conseguimos o son característico de Pelepau e imos máis ás raíces puras e duras, a coller temas de recollidas, se cadra non tan coñecidos, e intentar servir de canal de introdución da música tradicional galega.
-Mais gabádevos de mesturar ritmos doutras latitudes.
-Si, porque é sabido que en Galicia a emigración estivo moi presente. O que fixemos foi fusionar esa música que veu de volta a Galicia cos emigrantes. O porto de Vigo tanto foi porto de saída como de chegada e beneficiámonos desas influencias.
-Que leva o disco?
-Eliximos os primeiros temas que fixemos porque era o carácter de Pelepau, ofrecendo máis ca o que ofrece un directo, aínda que é difícil, porque nós movémonos e visualmente hai un espectáculo que é Pelepau: non só somos un espectáculo auditivo. Por iso buscamos lograr ese son de festa, que o disco traslade ás romarías, aos seráns e incluso buscar o carácter de furancho. Fixémolo en 30 pistas, pero intentando que tivese ese sabor a terra.
-Que tal a loxística?
-Complícase tanto en dispoñibilidade como en alternativas. As posibilidades de que esteamos os doce son poucas, somos doce para poder estar dez ou nove.
Concertos
Gondomar. Praza do Concello. 7 de agosto. 22.30 horas. De balde
Caldas de Reis. Feira Medieval. Domingo. 21 horas. De balde