De Vacas: «Somos un grupo de versións feas»

FUGAS

Rubén Prieto

Chámanse entre elas Pinta, Marela e Morena e nesta particular gandería vocal aceptaron como músico ao guitarrista Guillerme Fernández. Cun ano de vida, o seu é a versión lúdica, e din que mellorada, de cancións coñecidas en case calquera idioma

27 ago 2015 . Actualizado a las 21:38 h.

Faia Díaz (Santiago, 1988) é unha das cantantes, xunto a Inés Salvado e Paula Romero, do grupo De Vacas, que tamén conforma o músico Guillerme Fernández, integrante de formacións como Berrogüetto ou aCadaCanto. «Facemos versións de grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Querémolos rescatar e facerlles unha homenaxe», di a modo de resume.  

-Canto tempo levan?

-Xuntos un ano, aínda que o pulo déunolo un vídeo coa versión a tres voces Gangnam Style, hai uns catro meses. 

-Como se xuntaron?

-As tres estabamos no Coro da Rá, tamén no Coro Encaixe e nun trío de voces, e un día decidimos facer versións das Spice Girls, que foran un referente na nosa infancia e despois apareceron máis versións nesa liña de coña. 

-Ese é o camiño que van seguir?

-Si, somos un grupo de versións malas. Facemos versións bonitas de temas que de principio non o son e aí está o intríngulis do asunto, que a xente recoñeza temas que lle horrorizaban da radio e que, de repente, soan ben. 

-Atrévense con calquera canción?

-Temos cancións en coreano, en romanés, en brasileiro, en galego, en español, inglés... somos plurilingües de pasada.

-Como entra Guillerme?

-É moi amigo noso dende hai moito tempo, chamámolo porque precisabamos unha guitarra e xuntouse, coma nós, sen maior pretensión, pero despois vimos que á xente lle gustaba e que pedía máis. Decidimos seguir facendo temas e agora xa temos repertorio para un concerto.

-Mantedes un discurso co tema das vacas?

-Aínda non temos un discurso moi sólido. Saíu porque xa nos chamabamos así entre nós, a Marela, a Pinta e a Morena, pola cor do pelo. E todo o que sexa vincularnos ao rural, por que non? Vivimos en Santiago, que é unha aldea, e levamos toda a vida entre vacas e sentímonos perfectamente identificadas con elas.  

-Buscades disco?

-Iso está xa un pouco pasado de moda, buscamos máis facer cousas para a Rede e dar concertos. De entrada, disco non temos pensado.