Davide Salvado presenta o martes en Compostela o seu segundo traballo en solitario, Lobos, no que volve a amosar a súa singularidade para reinterpretar pezas da tradición oral
11 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Os Lobos de Davide Salvado (Marín, 1985) campan polas ondas dende xuño e non se presentaron ata agora porque alguén que se move por sentimentos cría necesario que fose a presentación a que o chamase a el.
-¿Que son os lobos?
-Unha metáfora. É un pouco protesta porque os lobos son necesarios para o ecosistema en Galicia e nós mesmos, a xente da aldea, preocupámonos de esmagalos. E tamén na parte cultural de Galicia a mesma xente dedícase a esnaquizala. É dar a entender que para o ecosistema é necesaria a presenza do lobo nos montes e que é necesario para un bo vivir que a cultura e a música estean vivas e estean ben atendidas, máis aló dos políticos. Estou farto de facer esa crítica política, porque ao final somos nós os que podemos cambiar as cousas.
-Lobos ten unha sonoridade distinta ao anterior.
-É un proxecto bastante persoal. A produción artística fíxoa Pedro Pascual, moitos arranxos son de Pascual e os máis de Santi Cribeiro, pero a elección de temas é persoal. Este é un canto de agradecemento á terra, a Galicia, a todas as músicas que chegaron a min a través das mulleres maiores e para min ten un sentido máxico, a flor de pel, case chamánico. Este disco é así, é un disco moi íntimo, moi interno e moi chamánico, como curador. Maxia boa.
-Non ten a carga de pandeireta de Árnica pura.
-Está idealizado calquera instrumento. Para min está provocando máis a visceralidade. Nótase máis a parte máxica ca a física. Estou algo farto de que se use Galicia como unha marca ou como un estilo. Non me gusta o dos estilos de música. Se cadra dentro dun ano teño a opción da música electrónica e métome niso. Agora mesmo estou sentindo moito a música da terra, da tradición oral.
-A produción vai pensada para saír fóra, ¿hai esa intencionalidade?
-Non a hai, pero cando fas un produto que non é comercial ou claramente galego en Galicia sabes que non vas ter moitísima difusión e sabes que fóra si. Síntome moitísimo máis valorado fóra de Galicia que en Galicia, sentíndome valorado tamén aquí. O meu público é marabilloso e gústalle o que fago, pero é máis difícil abrir camiño. Galicia é un país onde tiramos as casas de pedra e construímos de bloque ou ladrillo, cortamos carballos e plantamos eucaliptos e nas comisións de festas elixen orquestras e non a músicos galegos.
-Foi un ano intenso en canto a premios e traballo, con Rústica, a Banda das Crechas e o disco. ¿Anda en máis leas?
-Estou nalgún proxecto que non se pode dicir, pero noutro que si e que é moi interesante, como o do colectivo Agrogay da Ulloa, un colectivo de xente que vivimos no rural e queremos intervir nel, un cambio de mentalidade. Queremos que se empece a ver o rural como algo vangardista. Para min o é.
Santiago. Teatro Principal. Martes 15. 20.30 horas. 10 euros