Pai mestre

Luís G. Tosar
Luís González Tosar RETRATO ENTRE LIÑAS

FUGAS

23 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Centro Gallego de Buenos Aires (así é o nome oficial da institución) contaba en 1964 con cento dez mil socios e estaba presidido polo ourensán José Villamarín Prieto, irmau do tamén ourensán Benito Villamarín, presidente do Real Betis Balompié que levou ao clube a primiera división (1957-58) e cuxo nome e apelido perduran no estadio branquiverde de Sevilla. Naquel ano, digo, a Comisión de Cultura da asociación mutualista máis importante da República Arxentina -exemplo de acción social en toda América- acordou, a proposta do seu titular, Xosé Núñez Búa, e dos membros da mesma, Emilio Pita, Rodolfo Prada e Luis Seoane, conmemorar o segundo centenario do pasamento do ilustrado benedictino Frei Benito Jerónimo Feijóo, nado o 8 de outubro de 1676 (Casdemiro, Sta. María de Melias, Pereiro de Aguiar, Ourense) e finado o 26 setembro de 1764 (Oviedo). Detrás da proposta estaba tamén o asesor da Comisión de Cultura, Eduardo Blanco-Amor. Como que si, il foi o encargado de elaborar unha Antología popular da inxente obra do «Padre Maestro», que é como lle chamaba, con moito respecto, Blanco-Amor ao seu paisano de «obispado y provincia». O libro, preparado en Ourense, apareceu o 30 de outubro de 1966 e correu a cargo do Centro Gallego de Buenos Aires (Ediciones Galicia), pero foi imprentado en Vigo. Precede a escolma un traballo introdutorio de máis de corenta páxinas nas que EBA expón os motivos que o levaron a popularizar ao máis ilustre dos ourensás, que tivo que lidar durante a súa longa vida contra moitas sombras e que non dubidou en definirse así: «Yo, ciudadano libre de la República de las Letras, ni esclavo de Aristóteles, ni aliado de sus enemigos, escucharé siempre, con preferencia a toda autoridad privada, lo que me dicten la experiencia y la razón». Blanco-Amor preséntanos a un Feijóo que consideraba a Galicia como «lo implícito, lo consabido» nunca como un «programa o como un designio». Galicia está na loita feixoniana entre a racionalidade instrumental e xeracional e a realidade actuante. Esta valiosa achega de textos do Teatro Crítico será reeditada, en breve, nunha edición facsimilar. Xusta homenaxe ao inmenso Feijóo, a Blanco-Amor, o seu devoto antólogo e, sobre todo, ao patriotismo dos nosos emigrantes. Hoxe, o daquela poderoso Centro Gallego de Bs As, está intervido pola autoridade xudicial arxentina.