Alá por 1958, en Santiago, tiven a sorte de coñecer e tratar, se ben ocasionalmente, ao grande poeta arxentino e galego
06 nov 2015 . Actualizado a las 05:05 h.Alá por 1958, en Santiago, tiven a sorte de coñecer e tratar, se ben ocasionalmente, ao grande poeta arxentino e galego, Francisco Luís Bernárdez. Axiña se percibía a súa condición de diplomático, nas súas maneiras, nas súas palabras ben medidas, nos seus xuízos sempre asisados. Á vista estaba que era un home refinado no mellor sentido da expresión. Por García-Sabell e Piñeiro ?eran as canles cotiáns para relacións culturais e civilizadas na Compostela de enton? entrei en contacto con el. Uns días despois dese primeiro encontro, achegouse a min no «Café Español» e díxome que lera en «La Noche» un poema meu que lle gustara moito. Pode que só fose unha cortesía súa; pero por entón, con vinte anos, agradecín as palabras deste escritor que eu sabía valedor da cultura galega no exterior.Agora, case sesenta anos despois daquel encontro, teño co poeta arxentino un inesperado reencontro por medio deste espléndido libro organizado por Luís González Tosar, Home de fe, leal a Galicia, que inclúe material biográfico, bibliográfico, documental, crítico ou histórico que axuda a comprender a sobranceira personalidade de FLB e a informar a todos sobre a súa personalidade, a súa obra e a súa importancia.
En tempos moi facareños foi unha voz senlleira no exterior que se ergueu sempre que as circunstancias o requiriron en defensa da nosa cultura e, en especial, la lingua galega, chegando a escribila e a empregala con naturalidade. Era unha débeda que sentiu sempre coas súa orixe galega. Trátase dun libro imprescindible para o debido coñecemento duns tempos dos que seguimos sen ter todas as noticias que cómpren. Este libro axúdanos a encher moitas carencias do noso pasado máis inmediato. Trátase dun libro esclarecedor. Celebrémolo.