Rock neurótico, apto só para oídos afeitos á rabia e á bágoa a partes iguais. Así definen os membros da Neuroband a súa música. Liderados por Manuel Seixas, o seu segundo disco, «Verde», podería ser tamén o derradeiro. pero quen demo sabe...
27 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.No fondo, todas as peles son a mesma. Profesor, filósofo, escritor e nesta encarnación, voz, letrista e guitarra de Neuroband. Manuel Seixas fala dun segundo disco que ía para testamento do grupo ata que un inesperado reverdecer se cadra poderíalle insuflar nova vida á banda. Quen sabe. Como en tantas outras cousas, haberá que velas vir.
-¿Por que Verde?
-O primeiro disco, Proceso Amniótico, é terrorífico. A única crítica que nos fixeron falou dunha baixada aos infernos. Supoño que si, tamén pola miña situación persoal, moi complicada entón. Desta volta quixemos darlle un toque de esperanza, tiñamos este tema. Pasamos do inferno ao verde esperanzador.
-¿Tamén para a Neuroband? Porque o que se falou deste disco antes da súa saída soaba case a despedida.
-Xusto ao rematar o disco, no mellor momento, dous dos membros tiveron un conflito entre eles. Foi moi duro, porque Neuroband antes que nada era unha familia. Serviunos de terapia de grupo. Dende o de Roberto [Camba, o primeiro batería, finou practicamente de súpeto] pasamos as de dios. E cando xa tes o soño na man, dous amigos da infancia enfróntase por algo que dende fóra semellaba unha chorrada. Nin iamos presentar o disco. Eu de feito teño un proxecto en solitario xa moi desenvolto para o ano.
-¿Pero?
-Pero foi Carlos Blanco quen lle comeu o tarro a Xurxo Romero para presentar o disco en directo, que a xente merecía escoitalo... Acabei convencido eu tamén, así que Xurxo, Santi e máis eu seguimos con Nico e Borja, fixemos un temario para esa presentación en cinco ou seis sitios escollidos, nada de andar a patear. E se me preguntases hai uns días diríache que si, que é unha despedida, un traballo a título póstumo. Pero o outro día fixemos un ensaio tan sorprendentemente bo que neste momento non podería dicir que a Neuroband vai morrer. Realmente fomos un grupo outra vez. Volveu a maxia. Así que non sei que pasará.
-As letras son importantes.
-Son. Sempre o son. Estou moi satisfeito, coma do libreto, que fixo Xurxo, creo que é un libreto magnífico. Víctor Karallada [un dos membros caídos] e máis eu estivemos horas e horas. É un disco moi digno, do que un pode estar moi orgulloso. Na Noite Estraña, (Na Noite Escura) é unha das mellores letras que fixen na miña vida. Encántame tamén o son. Nótase un factor interxeracional. A guitarra de Víctor, máis cañeira, máis heavy, axuda a dar tralla. Funciona moi ben unha mestura entre o noso, o dos veteranos, máis dos 70, e o deles, de Pearl Jam en adiante.
-¿Que podemos agardar do repertorio, entón?
-Todo o Verde, tres ou catro temas de Proceso Amniótico. E logo, se nolo piden, versións de Wish You Were Here, No Surprises, algunha de Korosi Dansas e se cadra unha sorpresiña tamén para a xente.
-Por certo, que este 2015 é o do recibimento de Marty McFly no futuro. Tamén o ano no que Bailarina, a incursión de Seixas na ciencia ficción, fixaba unha revolta social de nivel planetario...
-Seguimos cometendo os mesmos erros. Estamos falando na aula de Platón e trescentas guerras e millóns de mortos despois estamos na mesma. Pero se non tes esa pequena esperanza, que dicía Marcuse, este mundo doería demasiado. Quero crer que o que fago todos os días no instituto pode valer para que dentro de catro xeracións... Sigo crendo na utopía aínda que me trabuque na data.
A Illa de Arousa. Auditorio municipal. 27 de novembro. 21 horas. Presentación do disco. 2 euros en compra anticipada, 3 euros na billeteira