Darío Facal é un dramaturgo e director de teatro moi innovador e creativo que acaba de obter un gran éxito coa súa versión e montaxe de El burlador de Sevilla, obra atribuída a Tirso de Molina, coa que encheu durante máis de dous meses o Teatro Español de Madrid.
Fillo do empresario galego Ramiro Facal, Darío naceu en Madrid hai 37 anos, pero foi bautizado en San Cristóbal de Cerqueda (Malpica de Bergantiños). Desde sempre mantivo e mantén coa súa terra unha relación profunda e continuada, que, ao meu ver, debería sustanciarse co seu exercicio creativo en Galicia.
A montaxe que fixo de El burlador de Sevilla supuxo poñer en escena o texto fundacional dun mito que pervive no tempo con toda a súa forza e o seu misterio. Pero Facal no se limitou a subir ao escenario un espectáculo que recollese as aventuras eróticas de Don Juan e a súa road movie por Europa. Moi ao contrario, procurou explorar as incertezas do texto e abrir novas incógnitas, que, aínda ser querer, supoñen propor novas respostas.
Máis aló do mito amoroso tradicional, Facal presentou un mito erótico, con toda a sensualidade e a sexualidade que acolle e propón a obra. E tamén con todo o humor, que o director extrae con sutileza do propio amor á vida dun protagonista rebelde (¿sen causa?), subversivo e desafiante ante todo o vivo e tamén ante a morte.
Dixo o propio director que esta montaxe quería ser «unha celebración dos sentidos chea de sensualidade, erotismo, literatura, música, comida e teatro», é dicir, «un espectáculo cheo de todas aquelas cousas que nos dan pracer». E así foi, cunha sabia combinación de actuacións propiamente dramáticas, imaxes filmadas, danzas inducidas ou superpostas e espazos sempre significantes.
Corría o risco de que as formas comesen o fondo da obra, pero non foi así. Porque Facal fixo de fondo e forma unha unidade esencialmente lograda, indivisible, singular, desveladora. O resultado foi unha peculiar resurrección de don Juan Tenorio, que a min se me figurou de pronto coma un James Dean -ou unha Janis Joplin- con ganas de esgotar de présa o vaso da vida. Tamén neste sentido, o burlador apareceu remozado por unha música vivificante e actualizadora que nos manteu sempre nun tempo presente. Con todos estes elementos conxugados, o vello sedutor volveu ser novo, é dicir, contemporáneo.