Quempallou: «Facer o disco por entregas é máis eficaz»

FUGAS

Manuel Valcárcel

Quempallou leva mallando xa 17 anos e a piques da maioría de idade emprende un camiño interactivo ofrecendo «Quarteirón», o seu quinto disco, en catro entregas a través de plataformas dixitais. Acaba de lanzar a segunda, e non pon data para a edición física dun traballo que trae cambios na formación

15 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Guillerme Ignacio Costa (Coiro, Cangas, 1978) é a voz de Quempallou, unha formación que aposta por un novo formato para o seu novo disco, Quarteirón, do que leva xa dúas entregas en formato dixital, nun novo concepto para achegarse ao seu público. 

-«Vellas Novas», o anterior disco, sacárono no 2012. Moita espera para non editalo en formato físico ou é cuestión de militancia nas novas tecnoloxías.

-Vai haber disco cando acabemos as catro entregas de Quarteirón. A idea é reformular os temas que hai. O que estamos entregando é unha preprodución do que vai ser o disco, que poderá ser todo estudo, metade, ou todo en directo ou colaboracións. Xa veremos. Está un pouco no aire.  

-¿Para cando?

-A verdade é que entre a primeira entrega e a segunda pasou un montón de tempo, por circunstancias alleas a nós. ¿Para que nos imos poñer prazos se non se cumpren? Estamos traballando todo o que podemos e facendo temas novos, queremos facelo canto antes.

-¿Que tal é a receptividade neste formato?

-Facemos iso para ter contido que ofrecer e sen agardar a que estea o disco completo, procuramos non retrasar moito as noticias para o noso público. É unha maneira máis interesante de coñecer os temas. Cando xa levas varios discos ao mellor a xente xa ten un par deles na casa e xa non che compra ou che fai menos caso e moitos temas pasan desapercibidos, pero ao facelo por entregas é unha maneira máis eficaz de que a xente estea pendente. Cando sacas o segundo Quarteirón da pé a mirar o primeiro se aínda non o viron, e así sucesivamente. 

-A falta de libreto onde consultar, ¿o disco tende máis á composición ou a pezas tradicionais?

-Seguimos a dinámica de Vellas Novas. Hai temas de tradición arranxados por nós, pero tamén moitas composicións propias. 

-¿Pódense atopar reivindicacións como o voso himno «Como a lingua de fóra»?

-Nesta segunda entrega, E ti que tes? fala de maneira retranqueira de ter ou non ter con ser ou non ser. O retrouso di «E ti que tes, e ti que tes?, sen cousas non es nada, sen cousas nada es». A través de coplas tradicionais fala contra as persoas que se cren máis por ter máis.

-¿Houbo cambios na formación neste tempo?

-No último ano, coincidindo co retraso do segundo Quarteirón, o noso percusionista, Xosé Maceda, deixou o grupo e incorporouse Rubén Troitiño. O que fixemos foi substituír non ao percusionista, senón á anterior persoa que deixara o grupo, que foi Xulio Coira, que tocaba gaitas e clarinete. Troitiño entronca moi ben co grupo e achega unha esencia máis rural.

-¿Cambia o son, entón?

-Na primeira entrega aínda estaba Xosé, na segunda incorporamos a dobre gaita e a partir de aquí iremos na liña do anterior disco porque ven suplir a Coira, tanto por instrumentación como estilo.