Billy e os nosos

FUGAS

Corenta e oito películas lle levan dedicado a un bandoleiro estadounidense que morreu aos 21 anos, despois de protagonizar uns feitos violentos. Chamábase William H. Bonney e pasou á Historia -e á Lenda- como Billy The Kid ou Billy O Neno. Non chamo a atención aquí sobre esta realidade porque eu estea en contra dunha mitificación tan desproporcionada, entre outras cousas porque eu creo no mito de Billy O Neno («vivir rápido e morrer novo», como poderían ilustrar as biografías de Jimi Hendrix, Janis Joplin, Jim Morrison, Kurt Cobain, Sid Vicious ou Amy Winehouse).

O que quero dicir é que Galicia está chea de personaxes con moito máis currículo de acción que Billy The Kid e que, non obstante, non teñen esa visibilidade cinematográfica. Unha verdadeira mágoa. Porque as historias de Xan Quinto (sobre o que escribiu Valle-Inclán), Pepa A Loba, Mamed Casanova, Foucellas ou Gardarríos non tiveron a sorte de atopar expresións fílmicas entre nós, malia teren características que os singularizan e converten en símbolos dunha rebeldía pagada coa propia vida.

A idea de que nos falta un cine de denuncia social que debería ter preferencia é un erro. Cando Raymond Chandler empezou a escribir novelas negras, protagonizadas polo seu impávido e fermoso detective Philip Marlowe, non estaba rexeitando a literatura maior. Polo contrario, estaba recuperando lectores pola vía dun xénero nada menor que atraía e sumaba. Así naceu a novela negra que hoxe moitos veneramos e que goza duns autores con grande sona internacional.

¿Por que non mirar o noso cine desde esta perspectiva avaliativa? ¿Por que non poñer os ollos na nosa emigración, chea de biografías fascinantes, cunha longa restra de aventureiros triunfadores e fracasados? Houbo unha época na que tiven tempo para achegarme a algunhas destas historias e fiquei abraiado, porque toda aquela memoria se estaba a perder nunha viaxe sen retorno. Algúns deles, xa cargados de anos, aínda sobrevivían na Arxentina, no Brasil, en Venezuela, en Cuba, en Estados Unidos..., pero as súas memorias esmorecían nunha desfeita sen remedio. Eu sentía, ao velos, que estaba ante os personaxes dunha épica que acollía todas as variantes de gañadores e perdedores, de rebeldes e sometidos... Este é o cine que hoxe boto de falla entre nós. Porque polo camiño da aventura tamén se chega ao social. Sempre.