Bébedos e drogatas xeniais

FUGAS

02 sep 2016 . Actualizado a las 18:43 h.

Houbo un tempo no que, para ser un bo escritor, semellaba que un debía lucir bébedo case sempre. Sucedeu isto, sobre todo, na primeira metade do século XX e abondou tamén na segunda. Scott Fitzgerald e Ernest Hemingway coñecéronse e beberon xuntos por primeira vez en maio de 1925 nun bar americano de París. O primeiro tiña daquela 28 anos e o segundo, 25. Os dous morreron alcohólicos.

A lista de contemporáneos deles que beberon e correron parecidas sortes é longa, dende Raymond Chandler, Jack London ou Dylan Thomas a John Berryman (que se suicidou coma Hemingway), William Faulkner, Tennessee Williams, Patricia Highsmith, Marguerite Duras ou Truman Capote. Algúns deles, coma John Cheever e Raymond Carver, mesmo gustaban de xuntarse e embebedarse xuntos.

Entre nós, tamén houbo unha longa restra de escritores que beberon moito ao longo da súa vida, mais, paradoxalmente, aquí non estaba ben visto difundilo e, de feito, case non se publicaba. Era algo sabido, pero privado. E eu non quero poñerme a facer aquí hoxe unha lista delatora dos nosos bébedos de sona. Deixémolo en que esa tradición allea tivo aquí tamén a súa correspondencia e fixo os seus estragos.

Hoxe pódese dicir que as cousas cambearon. Ver finar a tantos talentos vítimas de cirroses e doutras doenzas desembocou nunha toma de conciencia xeralizada e moitos dos que se achegaran ao alcohol comezaron a abandonalo. Foi un cambio que se produciu preto da fin do século XX. Quedaron algúns apreixados polas drogas, mais eran unha minoría. Porque tamén os mortos prematuros causados polos narcóticos -que interromperon carreiras literarias moi prometedoras- foron a menos co cambio do século.

Estou lonxe de querer pintar os tempos de agora coma unha Arcadia feliz, porque non hai tal, pero é certo que tamén os creadores de cultura comezaron a coidarse. Non todos, pero si a maior parte.

E hoxe os bébedos ou drogaditos mitificados son os do pasado, como aqueles que morreron aos 27 anos (Brian Jones, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Jim Morrison, Kurt Cobain, etcétera). O propio Cobain dixera que ás veces sentía «como se a xente quixera que morrese para que así se cumprise a clásica historia do rock». Non soubo evitala, malia ser consciente de que «as drogas destruen a memoria e o teu propio respecto». Eran xenios, pero xa non son modelos vitais.