O día 28 de outubro presentouse no Consello da Cultura Galega un volume que non pode deixar indiferente a ningún humanista galego: Gran Enciclopedia Gallega (1974-1991). La forja de una identidad. Editado por Trea (Xixón), foi elaborado e redactado nas Universidades de Rennes 2 e Angers por cinco coñecidos hispanistas: Jean-François Botrel, Philippe Castellano, Roselyne Mogin-Martin, Moisés Ponce de Léon e Christine Rivalan Guégo, coordinadora da investigación. Asistiron á presentación, coa coordinadora e o editor do volume (Álvaro Díaz Huici), o prologuista (Ramón Villares), un dos tres directores da GEG (X. Alonso Montero), o profesor Botrel e os tres secretarios de redacción da Enciclopedia (Perfecto Conde Muruais, Arturo Reguera e Xosé Ramón Fandiño).
Na miña intervención puxen o acento na figura do editor, Silverio Cañada, que xa publicara a Gran Enciclopedia Asturiana. Silverio Cañada, asturiano, non só quería vender moitos tomos da súa Enciclopedia, da nosa Enciclopedia, lei inevitable do capitalismo, senón que simpatizaba con moitos dos asesores e colaboradores (non poucos, comunistas daquela), comprometidos cunha visión do pasado e do presente de Galicia moi pouco concorde coa visión oficial.
Pero Cañada fixo máis, bastante máis. Como director da editorial Júcar, inventou a colección Los poetas, que se estreou, no ano 1972, cun libro meu sobre Rosalía de Castro (estudo e escolma). Na colección aparecerían as voces de Curros Enríquez, Celso Emilio e outras. Noutras coleccións da editorial publicáronse, en castelán, desde o Catecismo do labrego, de Lamas Carvajal, a relatos moi significativos de Neira Vilas. Así pois, incluso nos anos do franquismo (do franquismo serodio), mercé a Silverio Cañada, certos escritores relevantes nosos tiveron unha notoria proxección fóra de Galicia.
Arredor de 1975 el e mais eu creamos A Nosa Biblioteca Universal, co obxecto de publicar en lingua galega os clásicos antigos e os clásicos modernos. A José Luis Couceiro encargóuselle o Decamerón, de Boccaccio; a Manuel Espiña, Utopía, de Tomás Moro; a Xesús Rábade Paredes, O estranxeiro, de Camus? Cónstame que se fixo a tradución da novela de Camus e que a da Utopía (desde o latín, loxicamente) estaba moi avanzada, pero circunstancias alleas a Silverio Cañada tronzaron este proxecto, insólito, daquela, nas Letras Galegas.