Elefante Elegante chegará a Santiago en xaneiro.
23 dic 2016 . Actualizado a las 05:15 h.Antigamente, existía unha frase que se empregaba acotío cando un ía contar algo interesante e había rapaces diante. «Non falar tanto, que hai roupa tendida», dicían as miñas avoas nun intento de que a conversa non chegase a oído dos meniños. As cousas cambiaron. E hoxe facemos aos nenos partícipes de case todo. Explicámoslles as cousas. Contámosllo todo. Pero, ás veces, nese interese noso por adecuar tanto as mensaxes aos seus pequechos oídos, dámosllo todo demasiado triturado. É como se creramos que non teñen capacidade de pensar por eles mesmos, de reflexionar, de sacar conclusións. Iso fai que, en moitas ocasións, os levemos a espectáculos que nos que, sen necesidade de romper os miolos, xa o pasan ben. Divírtense, certo. Pero non precisan pensar, imaxinar e sacar conclusións. Elefante Elegante, una compañía galego-portuguesa, non é dese estilo. Todo o contrario, a súa filosofía baséase en que hai que divertir aos meniños, por suposto que buscan que escachen coa risa, pero sen caer en infantilismos: ponos a pensar. Poderiamos contar a historia de Elefante Elegante dun xeito convencional. Falando de que empregan case sempre un teatro moi xestual, que ás veces se apoian en monicreques e que intentan captar a atención dos nenos a golpe de continuos estímulos visuais e sonoros, facendo que sempre pase algo sobre o escenario, sen deixar que baixe o ritmo nunca. Pero esta compañía é algo máis. En realidade, é a maneira que os seus creadores, María Torres e Gonçalo Guerreiro, teñen de entender o mundo.
Coñecelos a eles é coñecer a súa obra e á inversa. Ela é unha coruñesa e el un lisboeta que se atoparon en Italia. Comezaron a facer teatro a principios deste século en A Coruña. E pronto se deron conta de que lles quedaban cousas por aprender. Foron a Bruxelas na procura de formación. Pasaron anos alí. E acabaron regresando para facer teatro aquí, en Galicia -aínda que tamén actúan a nivel nacional-. Ambos comungan cunha vida amiga do medio ambiente, viven nunca casa bioclimática, compran produtos de consumo responsable. E plasman as súas inquedanzas como persoas, como pais e como cidadáns do mundo nas súas obras. De aí nace un teatro que, facendo rir aos nenos, lles fala do cambio climático ou da emigración, tal e como ocorre no espectáculo A danza da choiva; que, sen oralidade, soamente con xestos e estímulos visuais, conta a historia dunhas persoas que viven tranquilamente da terra ata que un día deixa de chover e teñen que decidir que facer da súa vida. María Torres di que os nenos se meten tanto na historia que teñen visto reaccións neles dignas de ser contadas: «Un día, representando esta obra para escolares, nun momento da función no que parece que vai chover, vimos que todos se poñían as capuchas dos abrigos. Foi moi entrañable velos facer iso», indica.
Outra das obras que están representando é Xigante, baseado no clásico e inesquecible conto de Oscar Wilde. Unha vez máis, é un teatro para rir, para emocionarse... e para pensar. Porque pensar é a forma máis marabillosa de ser. ¿Ou non?