«O cine é unha das ferramentas artísticas máis espirituais»

FUGAS

cedida

A tres mil metros de altura, Oliver Laxe rodou «Mimosas» nas montañas do Atlas. Un filme persoalísimo que a vindeira semana se estrea nos cines.

18 abr 2019 . Actualizado a las 15:17 h.

O novo filme de Oliver Laxe (París, 1982) unha caravana atravesa as montañas do Atlas para cumprir a derradeira vontade dun ancián, a de que o enterren cos seus en Sijilmasa. A viaxe de Mimosas, que se estrea en cines a vindeira semana, pon a proba a Ahmed, Said e Shakib: o seu temperamento, a súa fe e a súa intuición. «A miña intención era traballar sobre unha personaxe que se dá á súa intención, alguén que non coñece o camiño pero que si o coñece no fondo, que me parece algo moi propio da natureza humana», di o cineasta, quen define a Ahmed como un pícaro a quen a viaxe esperta nel unha «honra de cabalería» ata asumir unha misión que se converte no máis importante da súa vida.

-Pícaros e cabaleiros remiten á Idade Media e hai algo dese tempo no filme...

-É un mundo de mitos. ¿Que nos interesa do Medievo? Pois iso, un mundo no que o sagrado aínda ten presenza, tanto no máis prosaico, que é a superstición, como o máis elevado, que é a espiritualidade iniciática. Toda a tradición dos relatos de cabalería ten unha dobre lectura, unha épica e outra iniciática. Interésame moitísimo todo iso.

-A descrición de Sijilmasa podería ser dun conto escoitado na praza de Jamma el Fna ou nunha lareira galega.

-Hai un simbolismo detrás de cada unha desas descricións. É unha apropiación do Libro dos Reis, do persa Ferdowsi. Animábanme dúas cousas: unha, invitar ao espectador á viaxe, á fábula, o conto, os mitos. Penso que estamos a morrer de frío porque os nosos ceos xa non están cheos de mitos como antes. Hai unha decadencia evidente. Pero en paralelo, tamén quero que a xente se sinta aí, na caravana: o frío de ter os pés na neve e na auga, a calor do lume, o cheiro da sopa.

-Intúese unha rodaxe complexa...

-Foi moi complicado. Pero é unha das regras da vida, Xesús, as cousas hai que merecelas. Hai unha matemática detrás das cousas, o universo ten regras e esta é unha, que hai que gañarse as cousas. Os mellores froitos non están á distancia da man, tes que subir á árbore e correr riscos. Na arte é así. Hai que peregrinar, ser caravana para acadar agasallos da vida. Merecerse a película. Cando levas a todo o mundo aos seus límites hai algo do ser humano que se manifesta.

-A alusión á fe é importante. ¿Que motivación ten a relixión no filme?

-Hai varias motivacións e varias achegas á espiritualidade, narrativas e no formal: penso que as imaxes penetran no espectador, por iso o cinema é unha das ferramentas artísticas máis espirituais que hai, porque hai un consumo a longo termo que se dá na alma, hai películas que transforman ao espectador. Hai unha relación moi clara para min entre as imaxes e o metabolismo humano, a alma. As miñas buscas como realizador van ir por aí. Esas son as miñas intencións, non digo que o meu cinema o faga, pero para min é capital [ri]. Se é unha película espiritual é porque hai unha xeometría espiritual nas imaxes.

-Lembra o que dicía o seu personaxe en «Todos vós sodes capitáns» aos alumnos de cine: «Unha imaxe bonita é unha imaxe bonita». Pero en «Mimosas» hainas bonitas.

-Están xustificadas narrativamente, penso. O perigo é facer postais e neses espazos era un reto grande non facelo. Igualmente, intentei facer esta película desacomprexándome. Dicíame: ¿non nos gustan as paisaxes fermosas? ¿Pois por que ter medo a facelas? Nesta película o ser humano disólvese na natureza. Teñen esta misión e aceptan o que lles dá o camiño con doce submisión. Hai algo moi galego aí, de aceptación. Na miña familia hai moitas anécdotas de avós, bisavós, que reaccionaron ante cousas da vida con aceptación e dignidade, abandono en sentido positivo. Este sentimento ancestral, de humildade, de sentirse pequenos, quería que estivese nesta película.