Cando unha novela é interesante

Xosé Luis Franco Grande

FUGAS

«Bótame desde mar fóra»

11 ago 2017 . Actualizado a las 15:39 h.

 Coñecía relatos curtos de X. Ricardo Losada, que teño admirado moito pola súa concentración sintética e que me suxeriron a un autor continuador de senlleiros narradores rianxeiros de relatos breves como Castelao e Dieste, sen esquecer a Manuel Antonio.

Por iso empecei a ler con certa precaución este relato longo de agora. Poucas son as novelas que chegan a interesarme. Esta sí que me interesou dende a primeira á última páxina. Non só porque é unha novela ben escrita -cousa que non abunda-, senón, maiormente, pola habilidade que Losada demostra no tratamento de situacións ambíguas ou contraditorias, esvaradíuas pola súa propia natureza, como son as que resultan da convivencia dos dous persoaxes centrais, Alberte e Helena.

Porque só tendo man segura e rexa se pode manter a atención do lector en situacións que semellan á marxe da lóxica, ao menos da lóxica común.

Aínda narrando as complexas reaccións e vicisitudes deses dous persoaxes tan contrapostos (o profesor que vén de volta do seu medio burgués e que confía atopar nunha pequena vila o que a cidade lle negou e mais a natural e nada sofisticada Helena, pero tamén complexa e pode que contraditoria), e porque o narrador demostra altas capacidades a eses fins, o relato tira do lector, mantén aceso o seu interese e non nos deixa ata que chegue o punto final.

Final, por certo, que coroa, un pouco á maneira cinematográfica, un fondo musical na voz de Marta Sebestyén que canta Szerelem, szerelem, unha música que envolve a Alberte e Helena e que nimba de ambigüidade o desenlace final da novela, aberta a máis dunha interpretación.

Algúns procuran nunha novela artificios narrativos avanzados, o que está ben -aquí non os hai-, outros innovacións que moitas veces nada innovan, o que é moi común.

Ao meu ver, Losada conseguiu un relato claro e que nos domina, que nos fai partícipes do mesmo, que esperta e aguilloa a nosa atención.

Ao cabo, esa é a finalidade da novela, á que se pode chegar por moi diversos camiños. Losada deu co seu.

AUTOR: X. RICARDO LOSADA

EDITORIAL TOXOUTOS

245 PÁXINAS. 16 EUROS