![](https://img.lavdg.com/sc/coBjdPWLsv3KuL6fnAR7KdBxogc=/480x/2018/03/01/00121519922281375113255/Foto/GM2P30F1_173621.jpg)
«Noró» consagra ao músico como o referente á hora de entender e amosar a tradición dende a contemporaneidade, que rebentan inercias establecidas. O artista actúa o domingo no Teatro Rosalía da Coruña ás 19.30
01 mar 2018 . Actualizado a las 18:33 h.Volveuno facer. E ben que se agradece. Necesitabámolo. Non era doado saír airoso do reto de afrontar un segundo disco despois do que aconteceu co aclamadísimo The Tambourine Man. Pero con Noró Xabier Díaz non só refrenda senón que amplifica a súa condición de referente fundamental á hora de entender e de presentarlle ao mundo a nosa música tradicional dende unha concepción rabiosamente moderna, respectuosa coa esencia pero desprexuízada nas formas. Unha concepción que nace dunha profunda paixón polas paisaxes -o disco é un retrato sonoro delas- e polas xentes que o rodean. E dunha responsabilidade, «a de devolverlle ao público todo o que me está a dar». Devolto está con creces.
Noró é unha declaración de amor ao noroeste peninsular testemuñada en trece composicións que o músico coruñés recompila transcendendo calquera ideal historiográfico nin museístico. O obxectivo nunca foi ese. Ten máis que ver con facer música dende un estado de ánimo que mantén profundas e inequívocas conexións co territorio.
Deste disco dixo Santiago Auserón que era música tradicional futurista. «Non son moi amigo desa dualidade modernidade-tradición que o mesmo serve para a música que para a gastronomía pero a definición de Auserón gustoume», recoñece Xabier Díaz. «O que nós facemos é mesturar instrumentos cunha sonoridade que non ten nada que ver co substrato tradicional. Reelaborar e cantar o noso cancioneiro pero con influenzas, ferramentas e tecnoloxía do século XXI. De aí esa conexión coa modernidade». De aí e duns postulados conceptuais que fan saltar polos aires inercias establecidas. «A música tradicional está estigmatizada como algo arcaico, que non mola». O músico coruñés solvéntao fuxindo do obvio. Hai moitos compromisos implícitos no seu exercicio musical. A gran capacidade de sedución deste proxecto ten que ver con suxerilos dende unha poética abrumadora, dende unha estética contemporánea e mesmo dende a conquista de espazos infrecuentes. «Encántame tocar en salas indies».
En Noró a presenza e a achega das Adufeiras de Salitre é aínda mais relevante. «Non foi consciente pero alégrome de que non sexa un disco xerarquizado». O que si é é un tratado de xinxela elegancia baseado nunha instrumentación contida e na delicadeza da voz dun músico tan sublime como necesario que hoxe di sentirse «un tipo moi feliz». Despois de escoitar o seu disco, eu tamén.
MÚSICAS DE SALITRE
Trece cancións que testemuñan a vasta riqueza da tradición musical do noroeste peninsular