A aldea máis irreverente de Valle

TEXTO: MONTSE GARCÍA

FUGAS

XOAN A. SOLER

Xa chegou a traxicomedia da aldea global. A obra de Valle-Inclán muda en «reality» na produción do CDG. «Habitantes da casa...»

13 abr 2018 . Actualizado a las 05:20 h.

De partida son nove habitantes. Entre eles, un matrimonio -o formado por Pedro Gailo e Marigaila-, e súa filla Simoniña. Tamén os acompaña a irmá de Pedro, Marica do Reino. Eles son os protagonistas desde onte e ata o 29 de xuño dun novo reality que tomará o Salón Teatro de Santiago e outros nove escenarios: Divinas palabras revolution. Os personaxes da traxicomedia de aldea de principios do século XX de Ramón María del Valle-Inclán dan un salto de cen anos na nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) e convértense en concursantes nun plató televisivo, onde quedará reflectida a miseria moral da sociedade actual.

Membros da compañía Chévere exerceron de doutor Frankenstein para esta transformación da obra de Valle-Inclán, que nada ten que ver coas máis de trinta montaxes que ata o momento se fixeron de Divinas palabras.«Somos radicalmente irreverentes coa obra de Valle-Inclán. Un autor irreverente como era el, agora tócalle que alguén sexa irreverente coa súa obra. Somos tan radicalmente irreverentes como foi Valle-Inclán coa sociedade da súa época e coa obra dos seus contemporáneos», afirma Xesús Ron, director da montaxe. Os gañadores do Premio Nacional de Teatro no ano 2014 son os encargados desta nova produción da compañía pública, que ademais supón saldar a débeda histórica que databa do ano 1984, cando o CDG non puidera abrir a súa andaina con esta peza en galego debido aos problemas cos dereitos de autor.

Nesta actualización que fixo Chévere, ademais de trasladar o escenario dunha aldea a un plató de televisión onde os habitantes van ser vixiados 24 horas, houbo máis transformacións. Os trinta personaxes orixinais convertéronse en nove. «Creamos perfís novos a todos os personaxes. Ninguén é o que era na obra escrita por Valle-Inclán, pero segue mantendo o rol da orixinal e a forma de comportarse», explica Xesús Ron. Por exemplo, Pedro Gailo non é sancristán, senón que ben puidera ser un exconcelleiro. «É un pusilánime que se deixa manipular, un cheíñas que se deixa gobernar pola súa muller e as circunstancias pero, a medida que pasa a obra, vaise transformando nun tipo que toma algunha decisión importante», asegura o actor Manuel Cortés, que tamén se encargou da tradución e de parte da dramaturxia canda Xesús Ron. Marigaila -interpretada por Patricia de Lorenzo- foi cantante de orquestras e a súa filla Simoniña, é unha gamer. Xunto a eles entran nesta particular casa de Gran Hermano na que se converte Divinas palabras un relacións públicas ou un expolicía, entre outros. A esta transformación dos personaxes e novo escenario engádeselle unha actualización da linguaxe para traer a obra ao século XXI e, deste xeito, responder a esa premisa que marca o traballo de Chévere de «usar o escenario como ese lugar de encontro e debate sobre o que nos afecta». O espectador terá que estar moi atento para non perderse nin o que sucede nas tres estancias da casa que serán visibles, nin nas pantallas que permitirán ver o que acontece desde diferentes ángulos, así como outras tramas fóra de escena.

O elenco artístico deste programa de telerrealidade no que mudou Divinas palabras complétano Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez. O espectáculo, que se estreou onte en Santiago -onde estará ata o 29 de abril no Salón Teatro-, iniciará unha xira que se deterá en Carballo, Ourense, Madrid, O Barco, A Coruña, Rianxo, Vigo e Cangas.

Próximas actuacións:

Abril Santiago; maio A Coruña, Ourense e Madrid

Xuño, O barco, A Coruña, Pontevedra, Rianxo, Vigo e Cangas