Para ler a Camus ou Atwood...? O galego

FUGAS

Media ducia de editoras traballan para achegar a literatura universal á nosa lingua. O último que chegará as librerías? «O amante» ou «O conto da criada»

24 feb 2019 . Actualizado a las 09:21 h.

Mapa de estradas lendario de Islandia, de Jón R. Hjálmarsson, é unha pequena alfaia traducida só a tres linguas: inglés, italiano e galego; unha circunstancia que para certo tipo de lector, afeito a ler traducións ao castelán, pode parecer un fito, pero que non pasa de anécdota para selos editoriais que, como Rinoceronte Editora -responsable desta tradución do islandés-, se dedican a traer ao galego as obras que calquera lector querería ter na súa lingua.

«A un lector en galego hai que brindarlle a oportunidade de que lea o mellor que se poida traducir e que estea publicado noutras linguas», subliña Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, editora con raíces na literatura infantil que fixo medrar o seu catálogo a medida que o fixeron os seus lectores. Baixo o selo Factoría K de Libros, traduce desde o 2005 «libros imprescindibles, que deberían estar en calquera sistema literario», como a Lolita de Vladimir Nabokov ou O amante de Marguerite Duras, o seu próximo lanzamento. «Facémolo tamén porque temos recursos abondo para dedicar a esta aposta decidida pola normalización lingüística, aínda que a rendibilidade económica non se consiga sempre», explica Ballesteros, quen cualifica de «heroico e titánico» o traballo das pequenas editoras galegas dedicadas só a tradución; nomes como Irmás Cartoné ou Hugin e Munin, que naceron para corrixir «anomalías» tan graves como o feito de que A Peste de Albert Camus ou Orlando de Virginia Woolf non estivesen dispoñibles para un lector de aquí.

«Un sistema literario non pode vivir pechado sobre si mesmo, e é moi perigoso para a lingua e para a cultura que as influencias externas veñan mediatizadas por outra lingua -reflexiona Celia Recarey, de Irmás Cartoné-; se a única vía que teñen os escritores galegos para ler literatura estranxeira é o castelán, como afecta iso a nosa lingua e o noso sistema literario? É algo que se nota bastante».

Creada no 2014 e a piques de sacar o 19.º título do seu catálogo -O conto da criada, de Margaret Atwood-, Irmás Cartoné é unha «carreira de fondo» que busca «crear lectores» nun mercado onde só catro de cada cen libros que se mercan por lecer están en galego. «Cada ámbito cultural ten as súas circunstancias, e desde a queixa, desde o choro, non se crean lectores. Non podemos queixarnos de non ser Cataluña [nesta comunidade a cifra rolda o 20 %]. Somos o que somos e a partir diso temos que traballar», salienta Recarey.

En calquera caso, é un feito que o lector galego fai descubertas literarias con independencia de que chegaran ou non en español, como ocorreu no 2005, cando Rinoceronte Editora lanzou O bosque dos raposos aforcados, do finlandés Arto Paasilinna. «Paasilinna estaba publicado en castelán, pero para moita xente en Galicia foi a grande revelación, pasárono moi ben lendo ese libro, e foi un orgullo que o coñecesen a partir da nosa edición», rememora Moisés Barcia, director da editora de Cangas, responsable tamén da tradución de Herbario de Sándor Márai que aínda hoxe non está dispoñible en castelán. 

Profesionalización con premio

Traducir libros en Galicia non é negocio para facerse rico, como nunca o foi a literatura, pero, máis alá de marxes de beneficio e da baixa rendibilidade da que algúns se queixan, cadaquén procura coidadosamente a súa fórmula, na que a profesionalización e a alta calidade das traducións son chaves. «Temos que dar a mesma calidade que unha tradución castelá e un puntiño por riba. Facendo iso, funciona. Se fas trampa e traduces a partir dunha lingua intermedia, non», sinala Alejandro Tobar, de Hugin e Munin, quen recorda que o Premio Nacional de Traducción 2018 levouno unha galega: Nelia García Salgado, aos 27 anos.

Tamén premiada foi A cámara de sangue e outros relatos de Angela Carter (premio Fervenzas Literarias 2018 á mellor tradución), que supuxo para Urco Editora «un paso adiante no proceso de tradución», segundo recoñece o seu director, David Cortizo. Especializada en literatura fantástica e con vocación feminista, a editora compostelá opta por unha escolla minuciosa dos títulos e un seguimento comercial exhaustivo, mentres que Hugin e Munin, amais da calidade, basea o seu negocio, creado no 2011, nun club de subscritores ao que cada ano lle ofrece un mínimo de oito grandes obras de autores recoñecidos. Son hoxe preto dun centenar de socios -«as mulleres son clara maioría»- que fixeron posible un catálogo que chega xa aos 76 títulos.

Recomendamos:

«O ano da lebre», de Arto Paasilinna 

(tradución de Tuula Ahola e Tomás González Ahola)

EDITORIAL Rinoceronte Editora

PÁXINAS 194

PREZO 17 euros

«Canción de solpor», de Lewis G. Gibbon 

(tradución de Celia Recarey)

EDITORIAL Irmás Cartoné

PÁXINAS 320

PREZO 15,5 euros

«Pequena Inglaterra», de Ioanna Karistiani 

(tradución de Alfonso Blanco)

EDITORIAL Hugin e Munin

PÁXINAS 368

PREZO 16,50 euros

«O señor dos aneis», de J. R. R. Tolkien 

(tradución de Moisés Barcia)

EDITORIAL Sushi Books

PÁXINAS 890

PREZO 53 euros

«Momentos estelares da humanidade», de Stefan Zweig 

(tradución de Laureano Araujo)

EDITORIAL Factoría K de Libros

PÁXINAS 376

PREZO 18 euros

«A cámara do sangue e outros relatos», de Angela Carter 

(tradución de María Reimóndez)

EDITORIAL Urco Editora

PÁXINAS 136

PREZO 17 euros