A praza do Humor

Siro López

FUGAS

ANGEL MANSO

Siro xa quixo converter A Coruña na capital mundial do humor nos noventa... Aquí un recordo daquel momento, unha homenaxe a Castelao, Cunqueiro, Wenceslao, Risco e Camba, e moito futuro para a Praza do Humor

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A idea de converter A Coruña na Capital Mundial do Humor é excelente. Eu quíxeno facer, ao meu xeito, no ano 1990, ao deseñar a praza do Humor, unha homenaxe aos grandes humoristas do mundo desde Galicia, onde o sentido do humor é parte esencial da nosa personalidade, e desde A Coruña, unha cidade que ri. A idea, o proxecto e a realización da obra foron bos, pero non se lle recoñeceron a orixinalidade nin o valor artístico, e non tivo a atención debida por ningún goberno municipal.

Conste que a acollida foi extraordinaria. O alcalde Paco Vázquez inaugurouna a noite do 7 de xuño, ante varios centos de persoas, cun discurso en galego moi divertido, e eu intervín para dicir que aquela praza tiña que ser «a do bo humor». Parecía que iamos conseguilo porque se creou a Asociación de Veciños Praza do Humor e a todas horas había xente fotografándose, cun sorriso nos beizos, con Castelao, Cunqueiro, Wenceslao, Risco, Camba e demais mestres do humor debuxados no chan. Luis Carandell veuna visitar e falou dela eloxiosamente en El País e despois no libro Diccionario de la Españología. Chumy Chúmez visitouna comigo e, ante o abandono dos servizos municipais, bromeou e preguntoume se non poderiamos desmontala e levala a Madrid, onde el se encargaría de que fose atendida e homenaxeada. Chumy, coma Forges, si valoraba o proxecto e a realización da obra polos escultores Ferreiro Badía, Xosé Castiñeiras, Francisco Escudero e Ramón Conde; e ambos sabían que a praza do Humor, ademais de ser un recinto urbano único no mundo, é irrepetible porque non crían que no mundo exista outro escultor que poida reproducir os meus debuxos en grandes placas de mármore e percorrelos coa broca dun trade, facendo un canal de 6 milímetros de ancho e 6 de profundidade, para enchelo de poliéster negro. Tampouco eu creo que haxa en ningures outro Xosé Castiñeiras que poida repetir tal fazaña artística.

Luis Piedrahita e demais mozos humoristas que farán da Coruña a Capital Mundial do Humor valoran a praza do Humor, e vana salvar. Seino.