A permanencia dun ideal

FUGAS

Franco Grande fai unha xenerosa homenaxe a homes e mulleres que deixaron pegada na vida cultural e política de Galicia

02 abr 2020 . Actualizado a las 17:19 h.

Hai moitos libros no libro A ilusión da esperanza de Xosé Luís Franco Grande. O autor dío no prólogo á primeira edición: «Este libro quere ser varias cousas». El considera que «por riba de todas é un tributo que debo aos meus amigos». Neste sentido pódese dicir que Franco Grande pagou o seu tributo con xenerosidade, ofrecendo unha fermosa visión dos seus amigos, tanto literaria como humana. Hai neses retratos fondo afecto, respecto, humor, cordialidade e unha boa dose de melancolía. Son retratos cheos de vida que recollen xestos e actitudes, frases e sucesos que fixan de modo indeleble a figura do retratado, e que a humanizan e achégana a quen non chegou a coñecelos: Cabanillas polo ano 1957 era «unha reliquia do galeguismo». Víaselle tan engurrado coma «unha uva pasa», pero destaca «a ollada inqueda, escudrumadora e áxil». A Carlos Maside caracterízao a forma de mover as mans e o seu inseparable chapeu negro de á ancha. Destaca a elegancia de Marino Dónega, o porte «olímpico» de Otero Pedrayo, a impresionante beleza de Luz Pozo Garza, os longos incisos de Alonso Montero -sen perder o fío do discurso e sen caer nunca nun anacoluto-, as cegadoras camisas brancas de García Bodaño… E anécdotas que se elevan a categoría (así o esixía Eugenio d’Ors), como ese episodio no que Otero Pedrayo, coa mediación de García Sabell, faise pasar por doutor en Medicina para realizar o seu desexo de ver por dentro un convento de clausura.

Quero destacar a súa evocación daquel gran home que foi Ramón Piñeiro, na que recolle as súas propias impresións e a doutros amigos: «Piñeiro pon sempre claridade onde un adoita perderse», «despois de falar con Piñeiro vese o mundo doutra maneira», «foi a primeira, e supoño que a única e irrepetible, cátedra de galeguismo»… «Aquel día comprendín que a miña vida intelectual ía ter unha orientación completamente nova». As palabras de Franco Grande reflicten a miña propia experiencia, e só engadiría que o paso por Xelmírez 15, 4.º marcou a miña vida. Piñeiro foi para min, e cónstame que para moitos mozos da miña xeración, non só un mestre intelectual, senón un modelo de vida.

Os retratos dos personaxes están feitos desde unha óptica de admiración e de respecto, como corresponde ao anuncio de que vai falar de amigos. O sentido crítico resérvao para a vida política e académica. Valla como exemplo o comentario sobre a universidade na que estudou, ao referirse ás clases de Otero Pedrayo: «A súa presenza era a única nota vital dentro daquela universidade onde todo semellaba morto», ou este sobre a liberdade de expresión: «É moi difícil dar hoxe unha idea do que foron aqueles tempos para quen tivese vocación política; pero, por riba de todo, do drama que supoñía non poder manifestarse politicamente, porque era coma se a un lle coutasen a personalidade» (páx. 201).

Ademais desa galería de 49 retratos, e da visión social da época, o libro ten outra dimensión. E pode dicirse que a enmarcan dúas frases, unha ao comezo e outra ao final do libro. Ao acabar o capítulo sobre Otero Pedrayo, este pesimista dubitativo que é Franco Grande, tras vacilar de se valeu a pena tanto esforzo, dinos que hai algo que sabe con seguridade: «Á beira daquel poderoso carballo que don Ramón fora, algo se fundou e permanece». A outra frase atópase ao final do capítulo no que fala de Marina Mayoral, Arcadio López-Casanova e Xavier Carro: «Eles significaban continuidade, que era por entón a gran loita do galeguismo que a Guerra Civil non conseguiu destruír. Don Ramón [Piñeiro] vírao con claridade e pode que con excesiva humildade: “Eles chegarán onde nós non fomos capaces de chegar”».

Esa dobre vertente de retratos de homes e mulleres que deixaron unha pegada na vida cultural e política de Galicia, e a liña de continuidade do galeguismo que o libro subliña, converten esta obra, na miña opinión, nun libro moi recomendable no panorama cultural e político da Galicia de hoxe, imprescindible para as novas fornadas de estudantes que chegan ás Universidades galegas, e entre os cales se atopan, sen dúbida, os novos elos desa cadea que perdura ao longo de máis dun século.

«A ILUSIÓN DA ESPERANZA»

XOSÉ LUÍS FRANCO GRANDE

EDITORIAL GALAXIA