Ela é a galega universal do 2020

FUGAS

cedida

A escritora vasca de literatura infantil e xuvenil Mariasun Landa, cunha ducia das súas obras traducidas á nosa lingua, recibirá a distinción dos autores galegos o vindeiro 9 de maio

06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre quixo escribir, pero nunca se imaxinou que se ía dedicar á literatura infantil e xuvenil. Autora de máis dunha trintena de títulos en eúscaro, que foron traducidos a máis dunha decena de linguas e que lle valeron numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil de Cultura de España no ano 2003, Mariasun Landa Etxebeste (Errentería, 1949) acaba de engadir un novo vínculo con Galicia. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomeouna Escritora Galega Universal 2020 «pola altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi». Un recoñecemento que a autora suma ao premio Rosalía que recibiu no 2016 da man do PEN Galicia e a uns vínculos que se veñen tecendo dende hai décadas. «He vivido toda mi adolescencia en Pasajes y Trintxerpe, donde está el muelle, la llamábamos la quinta provincia gallega, así que Galicia siempre ha sido algo muy cercano para mí», explica Mariasun Landa. A iso engádenselle que unha ducia dos seus libros foron traducidos á lingua galega, así como a súa participación nos encontros de autores de Galeusca -Galicia, Euskadi e Cataluña-. Por iso, para ela foi unha «agradabilísima sorpresa, una alegría y un gran honor» a concesión dunha distinción que en edicións anteriores foi outorgada a Mahmud Darwix, Elena Poniatowska, Antonio Gamoneda, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, ou ao seu amigo, o tamén vasco Bernardo Atxaga.

Fernández Paz y Xabier Docampo

«Mariasun Landa é unha das escritoras que puxeron as bases de toda a posterior eclosión da literatura infantil e xuvenil», destaca o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, que lembra a participación da autora nos encontros de Galeusca, «que non só serven de irmandade entre culturas, senón que tamén se foron tecendo amizades». Un feito que ratifica a galardoada: «Autores de nuestra generación nos hemos conocido, nos hemos tratado e intercambiado obras. Fueron grandes amigos Agustín Fernández Paz y Xabier Docampo, ambos también Premios Nacionales de Literatura Infantil Juvenil, y en la actualidad Marilar Aleixandre. Santiago -onde o vindeiro 9 de maio recibirá a distinción- es a un sitio al que voy mucho y siempre que me acerco tengo un par de amigos con los que estoy», e engade: «Galicia siempre me ha tratado muy bien».

Os primeiros pasos de Mariasun Landa na literatura están ligados á súa actividade académica. Nada máis acabar a carreira de Filosofía en París -onde marchara en busca de referentes como Jean-Paul Sartre, Simone de Beauvoir, Francosis Truffaut...- atopouse traballando como profesora de volta na súa terra «ante unos niños que no tenían nada, nada, en euskera». Entonces, púxose a escribir contos como material de clase. Antes tivo que aprender vasco. Ao regresar da capital francesa «venía decidida a aprender una lengua minoritaria, que más que minoritaria, estaba casi prohibida», relata. Eran os inicios dos anos 70 cando se meteu nunha ikastola «medio clandestina donde todo se impartía en euskera». Así, foi como se formou na lingua na que despois escribiu «y nunca hubiéramos pensado entonces una situación el euskera como la de ahora, hemos hecho un gran camino». Nese sentido, incide en que a súa xeración tivo que «hacer muchas cosas por la lengua y la cultura de nuestros pueblos».

Precisamente, dese material didáctico xurdiu o seu primeiro libro de contos e «a partir de ahí ya te enganchas con el género, te gusta y sigues escribiendo. De antemano, no pensaba dedicarme a la literatura infantil». Aínda que antes houbo outras creacións, Landa sitúa a Chan o pantasma -que foi un dos traducidos ao galego- como o punto de partida, un traballo que está considerado un clásico vasco. O primeiro libro que se puido ler na nosa lingua da nova Escritora Galega Universal foi A tenda da Pepa, publicado por Galaxia en 1984. Despois chegaron A estrela verde, O avó, Irma, A miña man na túa, Cando os gatos se senten tan sós, Elefante corazón de paxaro, A miña bicicleta testalana, Unha formiga orixinal, Un crocodilo debaixo da cama -o libro co que gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil-, O carpín suicida e, por último, Chan a pantasma, no ano 2007.

Un xénero maior

Mariasun Landa, que tamén colaborou en revistas e periódicos e foi profesora titular de Didáctica de la Literatura na Escuela Universitaria del Profesorado de San Sebastián, centrou o seu abor creativo na literatura infantil e xuvenil, un xénero que sempre defendeu como maior. «La única diferencia que existe es la literatura buena o mala», afirma e cita a Alicia no país das marabillas, O Principiño e A illa do tesouro. «Si todos los autores reconocen que ahí están los orígenes de su afición a la literatura, ¿quién va a negar que esto es literatura mayor?», engade. Di que nos últimos anos se avanzou moito nese sentido porque economicamente é un sector moi potente, pero aínda «carga con ese cliché de literatura facilona, light...». Ela sempre tentou poñerse retos stilísticos: «Decir lo máximo con las mínimas palabras». Nesa defensa da literatura infantil e xuvenil coincide o presidente da AELG, que lembra que Galicia ten catro premios nacionais neste eido: Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro. Ademais, incide en que Mariasun Landa tamén dá nome a uns premios, «o que amosa o que representa na cultura vasca». Unha muller que cada vez se sente máis próxima a Galicia: «Somos seres sentimentales».