«O pintor cego» e a última aventura de Docampo

FUGAS

docampo
ANGEL MANSO

Kalandraka publica o libro póstumo de Xabier P. Docampo con ilustracións de Xosé Cobas

20 jun 2020 . Actualizado a las 14:37 h.

Hai un rei malvado, unha asombrosa raíña e un pintor namorado. Os tres xuntos nun castelo. A derradeira obra de Xabier P. Docampo, O pintor cego (Kalandraka), chega ás librerías de xeito póstumo tras o confinamento polo covid-19.

O libro, destinado ao público infantil e xuvenil, é un agasallo do que tamén gozan os maiores. As páxinas cos textos do querido escritor que nos deixou no 2018 van acompañadas das imaxes de Xosé Cobas. O resultado é un diálogo artístico e literario cheo de referencias pictóricas, como a do inspirador cadro de Arnold Böcklin, A illa dos mortos.

«O rei mandara chamar aquel pintor que tanta sona tiña no seu reino e nos da contorna / o pintor presentouse diante do monarca atemorizado pola idea de que lle mandase facer o seu retrato, pois el sabía que na pintura había de verse toda a crueldade que se agochaba naquel corazón».

Como ben dicía Docampo, os contos «conteñen a sabedoría toda do mundo». Nesta historia lendaria están os arquetipos da bondade e a xustiza, que representan o noso pintor e a fermosa raíña da que recibe o complexo encargo de retratala. Un cadro imposible para o que só se sentirá capaz «cando sexa quen de abranguer e facer miña tanta beleza».

«Fíxenme escritor porque teño memoria de min e dos meus, porque habito a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano», confesou o escritor, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil por Cando petan na porta pola noite e referente dunha xeración que elevou o xénero ao seu esplendor e consagración exterior. Unha escola que permanece nos autores actuais.

As ilustracións de Xosé Cobas fan máis pracenteiro o discorrer por esta última aventura de Docampo que arrastra o interese ata a última páxina. Trazos oníricos bañados en cor que insiren na imaxinación do lector. Unha experiencia literaria que reconforta coma unha aperta.