
Unha coidada edición de Irmás Cartoné achega este clásico da literatura británica aos lectores galegos
01 oct 2020 . Actualizado a las 12:41 h.Só se me ocorre un pracer maior que descubrir a Anne Brontë, a pequena das tres xenuínas novelistas, e é facelo en galego, da man da tradución de Celia Recarey Rendo e cunha edición tan coidada e impecable como a que agasalla Irmás Cartoné. Esta editorial independente dedicada á publicación de clásicos da literatura universal ten entre as súas novidades deste verán a primeira novela que Anne presentou co pseudónimo de Acton Bell, Agnes Grey.
Estamos na época vitoriana e a filla dun clérigo, Agnes, vese empurrada a buscar sustento como institutriz aos 19 anos. Farao en dúas casas distintas onde tomará conciencia dos privilexios das clases altas, das dificultades insalvables dunha muller humilde para emanciparse e coñecerá o amor. Una experiencia pola que pasou a autora.
Eclipsada certamente polo talento de Charlotte (Jane Eyre) e Emily (Cumios borrascosos), a estrea de Anne en 1847 pasou máis desapercibida. Sorte que se repite co seu segundo traballo, The Tenant of Wildfell Hall. O tempo está a desvelar a calidade literaria da pequena da familia máis popular de Haworth e da literatura inglesa. Saír do fogar era un soño para Agnes, como o foi para Anne. «Que deliciosa tarefa a de amosarlle ás mentes novas a dirección axeitada! Guiar as plantas novas e velas botar gomos día tras día!». Unha aspiración que tornou en desencanto, pero tamén en revelación. A través dun relato íntimo, Agnes Grey é talvez a máis feminista das novelas escritas polas tres irmás. A que máis cuestiona a moral vitoriana, a que máis antepón os anhelos dunha muller por ser ela.
«Poñédeme a proba, é o único que vos pido, e veredes que son capaz de facer», fala Agnes e escribe Anne. Un desiderato por ter a súa voz propia na familia? «Todas as historias verdadeiras conteñen unha ensinanza; aínda que, nalgunhas, o tesouro pode ser difícil de atopar», comeza o texto. Como Emily e Charlotte, Anne faleceu moi nova, con 29 anos, e sen concluír unha carreira que nos deixa tesouros coma este.