A educación contra o lume e o amor polo noso

FUGAS

NUMAX

21 may 2021 . Actualizado a las 16:50 h.

Non hai verán sen incendios. Desgraciadamente, os nosos montes están abandonados e sometidos á especulación e aos intereses espurios que cada ano rematan calcinando miles de hectáreas. Estes últimos días as chamas arrasaron o corazón do parque natural do Xurés, as fragas autóctonas de San Mamede -onde nace o Arnoia-, Laza, Maceda, Vilariño de Conso... Incendios intencionados que o tinguen todo de escuridade e arrasan o noso ecosistema.

 

Á miña memoria vén a película de Oliver Laxe, O que arde, que naceu da reflexión do seu director sobre esta catástrofe medioambiental que padecemos cada ano e da que somos culpables, en parte, toda a sociedade polo abandono do noso rural. Nesta longametraxe namoramos das paisaxes dos Ancares, de Benedicta resgardada no interior dun castiñeiro centenario, pero tamén nos fixo conscientes de que ese mundo se esvae con cada nova aldea deshabitada. Outra escena vén a nós, a do brigadista que entra a desaloxar unha casa e só atopa unha fotografía familiar rota.

A semana pasada resultaron feridos dous traballadores dos equipos de extinción mentres intentaban apagar o lume que ameazaba as vivendas de Rebordechau. En canto escoitei a noticia lembreime dunha novela xuvenil, gañadora do Premio Raíña Lupa 2004, que cada ano emprego nas aulas para mostrar á rapazada a vida nunha das nosas aldeas. Tonecho de Rebordechao, de Breogán Riveiro, logra espertar interese por un mundo que lles resulta moi afastado aos máis novos, cando está apenas a uns poucos quilómetros da súa cidade. O protagonista pasa de vivir nunha urbe a facelo no rural e de ir a unha escola con centos de compañeiros a estar nunha unitaria. Nun primeiro momento a aldea dos avós non lle entusiasma, pero buscando enredos para distraerse vainos atopar: as casas abandonadas, as corredoiras que percorre co seu can Langrán, a froita que rouba e que tan ben lle sabe ou as historias que contan os avós ao pé da lareira. Esta novela fai sorrir ao alumnado e que vexan doutra maneira a vida no rural, que por prexuízos asocian ao atraso. Precisamos moitas doses de amor polo noso, de educación e políticas medioambientais reais, se non cada ano seguirá a arder Galicia e nunca será casualidade.