Celebrar a vida

Ramón Nicolás

FUGAS

Xabier P. Docampo no 2015
Xabier P. Docampo no 2015 PACO RODRÍGUEZ

25 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai pouco máis de dous anos que faleceu Xabier P. Docampo. Un dos grandes, nin que dicir ten, da nosa literatura contemporánea, como testemuña o seu legado literario. Unha voz que a morte silenciou mais viva aínda, por fortuna, nas palabras e nos libros que nos deixou.

Ao seu corpus narrativo engadiuse, hai poucas datas, un excepcional álbum infantil de lectura obrigada como é O pintor cego (Kalandraka), elaborado conxuntamente co ilustrador Xosé Cobas e, arestora, estoutro inédito disposto baixo o título de Catro cartas, isto é, breves textos do xénero epistolar, marcados por un forte carácter memorialístico e acompañados por ilustracións de Fino Lorenzo. Un volume que posibilita achegarse ao particular universo creativo do autor ao avivecer os rescaldos e as claves da súa traxectoria creativa mercé ao rescate de pasaxes máis ou menos biográficas.

É este, así pois, un breviario ou compendio, tamén emocional, do que a lectura e a escrita foron na súa vida. En todas as cartas, isto é, nas que se dirixen á amada, ao fillo, á mai, a «R.L.S.» ou mesmo nese agasallo final para quen lese as catro cartas anteriores e que ten como destinatarias as persoas que pertencen á «confraría dos que amamos as palabras», agroman aquí e acolá pequenas sentenzas como aquela, tan recorrente e afortunada, cifrada en que «contar un conto é o máis sublime acto de amor que se pode ofrecer a un ser querido».

De actos de amor -aos seus e á creación entendida como un exercicio de «emoción compartida»- está construído este libro que recupera momentos moi persoais mais operativos para o obxectivo de comunicar a experiencia vital que para el significou coñecer as palabras e descubrir as complicidades que suxiren, co pano de fondo de As mil e unha noites, a Odisea ou A illa do tesouro. Un libro para celebrar a vida, como a Xabier lle gustaría.