O pracer de ler en común

FUGAS

Cartel da Feira do Libro Antigo e de Ocasión do 2020
Cartel da Feira do Libro Antigo e de Ocasión do 2020

15 nov 2020 . Actualizado a las 10:53 h.

A lectura é entendida habitualmente como unha actividade solitaria, pensamos na imaxe dunha butaca e un punto de luz, como o fermoso logo da editorial Cuarto de Inverno. Con todo, a proliferación dos clubs de lectura en bibliotecas públicas, librerías ou asociacións culturais dinos que tamén se agradece compartir a experiencia dos libros. Os institutos non son alleos a estas quedadas literarias importadas do mundo anglosaxón e o profesorado aproveita este formato máis informal e fóra do horario lectivo para fomentar o hábito lector e tamén, en moitos casos, para que gocen da lectura en galego.

A min gustábame artellar xantares literarios que compartía co meu alumnado os luns, aproveitando que había clase á tarde. Aquelas horas en que o centro quedaba baleiro e se enchía de palabras e, moitas veces, de autoras e autores que nos visitaban, era un momento único. Hai uns días saía a listaxe dos libros máis lidos o pasado curso nos clubs de lectura de secundaria e a autora de referencia é Ledicia Costas, non só porque Infamia sexa o título de maior éxito, senón porque varias obras da autora aparecen entre os postos máis destacados. A carón dela Eva Mejuto, María Solar, Arantza Portabales, Domingo Villar, Andrea Maceiras, Antía Yáñez, María Reimóndez ou Iria Misa, nomes ben coñecidos da nosa narrativa. Porque o que si é certo é que nos clubs de lectura poucas veces se len teatro, poesía ou ensaio, aínda que a experiencia de mudar de xénero sempre é positiva. De feito, o confinamento obrigounos a cambiar de lecturas e, no meu caso, o alumnado pediu poesía porque permitía ler sen o alento que require unha novela. Ismael Ramos foi o convidado, e a experiencia demostrounos que non hai nada mellor que rachar cos prexuízos sobre o que cremos que nos gusta. Refrescarnos con versos. Comezan os clubs de lectura e ábrese unha nova oportunidade de compartir, de ler en común.