Rafael Dieste: a luz sempre acesa

FUGAS

PILAR CANICOBA

O rianxeiro está no olimpo dos grandes loitadores pola liberdade a través da palabra

12 feb 2021 . Actualizado a las 09:24 h.

Catro décadas sen Rafael Dieste. O rianxeiro, da mesma rúa de Abaixo ca Manuel Antonio e Castelao, nacía en 1899 como fillo serodio dunha familia numerosa. O irmán maior leváballe máis de vinte anos, polo que se criou nun fogar de adultos baixo a atenta mirada de súa nai e tamén da irmá, que lle aprende a tocar o piano. O ambiente mariñeiro da vila inspíralle A fiestra valdeira, a peza teatral que leu para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Nela, con aparente sinxeleza, cóntanos en tres lances a historia do retrato dun home que quere quedar inmortalizado, mais a estampa con barcos ao fondo non é do agrado da muller e da filla, que prefiren un xardín. Os mariñeiros da vila senten esa petición coma un agravio á súa orixe, da que están orgullosos, e deciden organizar unha colecta para mercar o cadro tal e como se pintou. A identidade dun pobo reflectida nunha peza sinxela, que os seus veciños quixeron representar anos despois, dunha maneira un tanto improvisada e cun elenco da vila. En Rianxo foi a estrea en 1935 nunha velada inesquecible para Dieste, quen fixo de orgulloso director.

A súa paixón polo teatro encheu parte da súa vida. En 1931 creábanse as Misións Pedagóxicas coas que levar ao rural a cultura. A Dieste encoméndanlle o Teatro de Fantoches. Ocúpase de mercar telas, do decorado, de facer os monicreques, de adaptar e escribir moitas pezas, tamén da montaxe cada vez que chegan ao destino, lugares onde non había tendido eléctrico ou nunca chegara un automóbil. Nunha desas misións coñece a Carmen Muñoz, inspectora de primeiro ensino, que o vai acompañar durante quince días polas aldeas de Cáceres co retablo de Fantoches. Non tardaron en casar. A lúa de mel foi en Francia e Bélxica, aproveitando a bolsa de estudos que tiña Dieste para formarse teatralmente. Que pode haber máis marabilloso que dous namorados asistindo a programas de marionetas e máscaras por toda Bélxica! En Bruxelas alugaran un apartamento pequeno e fixeran un orzamento cunha partida importante para libros e café, aínda que houbo que axustalo, pois non só de arte se vive. En París o mesmo plan de asistir a montaxes, de paseos, museos e bocadillos a carón do Sena, como ben relata Rei Núñez na magnífica biografía Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais).

Á volta seguiron percorrendo as aldeas ata que se produce a sublevación militar. Dieste formaba parte da Alianza de Intelectuais Antifascistas xunto a Alberti, Teresa León, José Bergamín ou Lorca. Xa comezada a guerra é nomeado director do Teatro Español e non dubida en formar unha compañía con actores en paro. A derrota da República leva o matrimonio a Francia, el ingresado nun campo de concentración e Carmen recuperándose nun hospital. Crúzanse cartas cheas de maxia recollidas no seu Epistolario amoroso. Logo o obrigado exilio en Buenos Aires, os anos de profesor en Cambrigde ou Monterrey e publicacións tan importantes como Historias e invenciones de Félix Muriel.

En Vigo promételle a Francisco del Riego que retomará a escrita en galego. Despois de cultivar todos os xéneros volve aos contos e reedita Dos arquivos do trasno, ampliando o número de relatos, co marabilloso decálogo e a definición perfecta: «O conto é o remuíño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz». Dieste está no olimpo dos mellores contistas das nosas letras e é da estirpe dos que sempre loitarían coa palabra pola liberdade.