Todos os camiños de Rosalía

FUGAS

PINTO Y CHINTO

Xela Arias escribiulle: «Es o principio da camiñada». O día 24 de febreiro celebramos un ano máis á poeta libre de corazón, de pensamento e de alma

24 feb 2021 . Actualizado a las 10:37 h.

O 24 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía, coincidindo coa data do seu nacemento. A escritora é o mascarón de proa da nosa literatura e dende diferentes colectivos e institucións propoñen actividades para festexala. Rosalía ten a forza inmensa de adaptarse a cada tempo, a súa imaxe foi ilustrada de mil maneiras e en todas se recoñece, a súa poesía segue a interpelarnos.

Unha vida curta, corenta e oito anos, suficiente para deixarnos unha pegada que cada vez se fai máis profunda grazas ás investigacións que deitan luz sobre a súa persoa e aos estudos que nos dan novas claves para ler a súa obra, como os recentemente asinados por María Xesús Lama, Helena González, Anxo Angueira ou María do Cebreiro. De vez, temos que superar ese mito de muller triste e chorosa, que tan lonxe está da súa verdadeira personalidade. Rosalía era alegre, así o contou a súa filla maior e cantos a trataron. Falan dunha muller ocorrente, amiga das bromas, moi afectuosa e que gustaba de tocar a guitarra e cantar.

A PEZA QUE SE PERDEU

Despois dunha infancia feliz en Padrón, Rosalía trasladouse a Compostela con súa nai e involucrouse nas actividades do Liceo de la Juventud, unha universidade paralela para unha época en que as mulleres quedaban fóra do ensino regrado. A escritora tivo unha coidada formación dende pequena: tocaba diversos instrumentos, lía en francés, tiña formación teatral... De feito, será nunha obra promovida polo Liceo onde debute como actriz, pero non só quería actuar, tamén ser dramaturga e así escribiu Romana, unha peza que lamentablemente se perdeu.

Con dezanove anos decide marchar a Madrid para triunfar, por diante unha viaxe de oito días e un mundo que descoñecía. Na capital agardábana familiares e amigos, polo que participa axiña dos ambientes literarios e artísticos. Rosalía perseguía os seus soños e, só un ano despois de chegar, publica La flor, poemario do que fai unha eloxiosa recensión Manuel Murguía na prensa madrileña.

Non sabemos se se coñecían con anterioridade, pero a capital uniunos tamén ante a igrexa, ao casar poucos meses despois. Dese ano, 1858, é Lieders, que o profesor Barreiro Fernández interpretou como un contrato matrimonial público en que lle deixa claro ao seu home a súa condición indomable, ao tempo que se proclama escritora libre de corazón, de alma e de pensamento.

Rosalía defende a liberdade artística e, en especial, a das mulleres. Rebélase contra o patriarcado, contra as inxustizas, os abusos, os prexuízos... Escribe en galego, na lingua do pobo que ve sufrir polas malas colleitas, pola emigración, pero do que tamén escoita e aprende os seus cantos populares.

A GRANDE DO REXURDIMENTO

Logo de publicar La hija del mar, nos sesenta dá ao prelo as novelas Flavio, El caballero de las botas azules e Ruínas, amais do emblemático poemario Cantares Gallegos, cando contaba con só vinte e seis anos. Outra década prolífica será a dos oitenta con Follas Novas, El primer loco e En las orillas del Sar.

Hai que reivindicar toda a súa obra, hai que reivindicala a ela, o seu talento, a gran poeta do Rexurdimento, a Rosalía feminista, solidaria, galega. Xela Arias escribiulle: «Es o principio da camiñada». Camiñemos!