Highsmith e cervexa para todas 

FUGAS

Oito escritoras catalanas acaban de publicar un conxunto de relatos en homenaxe á autora

05 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito escritoras catalanas acaban de publicar La cervesa de la Highsmith (Pagès Editors), conxunto de relatos en homenaxe a unha autora, figura capital da literatura de suspense, que este ano celebra o centenario do seu nacemento. En 1987, Patricia Highsmith botou uns días en Lleida, convidada para ofrecer unha conferencia, e seica volveu á casa entusiasmada por unha marca de cervexa, de aí a complicidade no título escollido para a antoloxía. Na súa biografía, Joan Schenkar é categórica respecto ao carácter da escritora: «Non era simpática. Rara vez, educada». Pero seguro que agradecería esta homenaxe das colegas catalanas, como tamén que Arantza Portabales, Miguel Anxo Fernández ou Pedro Feijoo, máis preto de nós, conversaran estes días atrás sobre seu influxo nas nosas letras, ben a través da literatura ou das súas adaptacións cinematográficas.

Aínda que máis citada que lida, Highsmith é hoxe unha autora que goza dun innegable recoñecemento entre a aristocracia da novela criminal, situándose dende hai anos na cúspide do suspense psicolóxico. Pero non lle ocorre o mesmo, por exemplo, a outro portento das intrigas como Elisabeth Sanxay Holding, autora de A parede baleira, novela que os degustadores de cine negro lembrarán por Almas desnudas, a adaptación que dirixiu Max Ophüls cunha tremenda Joan Bennet á fronte do reparto. Ou a Margaret Millar, que malia ser a responsable dunha manchea de títulos soberbios e un prodixio na creación de ambientes, segue á sombra do seu marido Ross MacDonald. Por non falar de Vera Caspary ou Dorothy B. Hugues, parella de xigantes que correron menos sorte cá nai de Tom Ripley, pero dotadas de formidable talento.

Contábame María Reimóndez, á que debemos dende finais do pasado ano a posibilidade de lermos en galego A nosa Negra (Hugin e Munin), de Harriet E. Wilson, que hai tempo lle propuxo a un par de editoras a tradución de Carol, a novela de Patricia Highsmith coñecida por presentar unha historia de amor entre mulleres. Lamentablemente, a súa insistencia caeu en saco roto e hoxe seguimos sen poder ler na nosa lingua nin unha soa mostra da súa narrativa. Por iso é imposible non sentir envexa vendo como as colegas catalanas a celebran con normalidade, podendo acceder a gran parte da súa obra no seu idioma. Xa vai sendo hora de que alguén a traia ao galego. E de que os editores, así en xeral, nos paguen máis cervexas.