Xela Arias 2021: un tsunami editorial

ramón nicolás

FUGAS

XXX

Cómpre recuar no tempo para rexistrar tal cantidade de publicacións xerada pola celebración do Día das Letras Galegas

16 may 2021 . Actualizado a las 00:18 h.

É doado colixir que a figura e a obra literaria de Xela Arias resultou asediada desde moi diferentes ópticas e con manifesta intensidade. De feito, algunhas das liñas esenciais que irmandan todas estas publicacións poden ser a ampla presenza de autoras e a aposta por reclamar o «espazo Xela Arias» desde diversos selos editoriais. Todo malia a urxencia con que se idearon os proxectos para chegaren antes do 17 de maio a disposición das persoas interesadas.

BIOGRAFÍAS

A proposta da poeta Emma Pedreira titulada XelaArias. Palabra á intemperie, con ilustracións a cargo de Laura Romero (Baía Edicións), foi das primeiras que se asomaron ás nosas librarías. Nela abrázase, desde unha perspectiva pouco convencional, a figura da autora para establecer con ela un diálogo ricaz e con posibilidades lúdicas e creativas ben acaídas para o traballo docente.

Yolanda Castaño ofrece en Xela quixo ser ela. Biografía de Xela Arias (Xerais) un traballo marcado pola accesibilidade a todo tipo de público. Nel sobresae a posibilidade de visualizar e sentir próxima a figura obxecto de coidadosa análise e interpretación deseñando un retrato que testemuña como Xela Arias sempre quixo ser ela.

Pola súa parte, Montse Pena articula en Intempestiva, unha biografía (literaria) de Xela Arias (Galaxia) un percorrido fluído polos diversos territorios vivenciais e literarios, beneficiado por un manexo solvente dunha abondosa bibliografía e de numerosas fontes orais que compendian con acerto os pasos dunha personalidade firme e independente.

M.ª Xesús Nogueira, que desde hai anos traballa incansablemente e con rigor pola difusión da poesía de Xela Arias como testemuña a súa edición da Poesía reunida (1982-2004) -libro que viu a luz no 2018 e que supuxo a necesaria actualización da obra literaria da autora viguesa-, publica tamén en Xerais a biografía Xela Arias. Os territorios da liberdade no que inicia cada capítulo coa voz da propia homenaxeada: punto de partida para un labor exhaustivo de interpretación, riquísimo en datos e suxestións e operativa para achegarse con garantías ao seu universo literario e vital.

Ao anterior súmase a achega de Anxo Xoán Rajó Pazó -Xela Arias. Poeta e tradutora (Ir Indo)-, dona dunha incontestable orientación didáctica que conta con numeroso material fotográfico e documental. Ademais, aínda viron a luz senllas publicacións centradas nunha franxa lectora máis nova: Liberdade, solidariedade e amor pola lingua. Pequena biografía de Xela Arias a cargo de Polo Correo do Vento, con ilustracións de Tania Solla (Lela Edicións) e mais unha entrega especial dedicada a Xela Arias dos populares Bolechas (Bolanda), baixo a responsabilidade de Pepe Carreiro.

AUTOBIOGRAFÍA-ANTOLOXÍA

Mención especial merece Vencerse é cousa de se tratar: unha fermosa edición publicada por Chan da Pólvora, onde M.ª Xesús Nogueira realiza unha proposta suxestiva a cabalo entre a autobiografía -rescatando numerosos textos de Xela Arias en forma de fragmentos de entrevistas, conferencias ou autopoéticas- e a antoloxía, á que se engade un epílogo de carácter biográfico-literario.

INÉDITOS

Non podía falta tampouco a aparición de textos descoñecidos e velaí o título Non te amola!, editado por Galaxia con ilustracións de Luz Beloso e polo Consello da Cultura Galega nunha edición que conta cun estudo previo de Ana Iglesias con ilustracións a cargo de Bea Gregores: indispensable para achegarnos á sorprendente -por inesperada- forza narrativa dunha autora que se achega aquí ás vivencias dos seus primeiros anos.