Nas librerías pasan cousas marabillosas. Se estás nun barrio chic de Londres e es actriz de Hollywood podes atopar a Hugh Grant e namorar, porque é imposible ver a Hugh Grant rodeado de libros e non facelo. E se es auditora da Xunta e vas un día a unha presentación en Compostela, quizais poidas encontrar a un editor que che diga: «Envíame algo».
Iso fixo Arantza Portabales cando o coñeceu en Cronopios, enviarlle algo a Pablo Zaera. Aqueles textos escritos en horas libres nunha casa con xardín en Cacheiras mentres a Thermomix acababa a lasaña, as nenas ían e volvían a clase de pintura ou de inglés e os limóns maduraban na árbore destinados a dar sabor ao gintónic que os sábados tomaba cos amigos no soto para as festas acabaron sendo un libro fermosísimo titulado A Celeste la compré en un rastrillo. Pode presumir o editor de Bululú de ter descuberto un gran talento.
Anos despois daquilo, o escenario onde escribe Arantza P. non cambiou tanto. As nenas creceron e as tuias están tan tupidas que xa non deixan ver a piscina da urbanización, pero quizás ela move un pouco as ramas e imaxina os secretos que esconden os veciños baixo as toallas que olen a cloro e a protector solar, ou vislumbra cadáveres nas bolsas que arrastran ata o contedor da rúa cubertos coas restos das follas caídas das buganvíleas. Así conxecturo eu que debuxa eses personaxes de aparencia perfectamente burguesa e cheos de gretas nas que ela mete o cicel, ás veces para deconstruílos e ás veces para destruílos fronte a nós, espellos de ruínas douradas e, sen embargo, cotiás.
En poucos anos publicou dous libros de relatos e catro novelas, ten obra traducida en varios idiomas e un texto levado ao teatro onde se poden ouvir nitidamente as voces desas mulleres potentes e fráxiles que creou para Deixe a súa mensaxe despois do sinal.
O pelaso e a afección polos zapatos bonitos xa os tiña, só lle falta un chisco para ser como a súa protagonista Úrsula Bas, unha escritora supervivente, rica e que vive fronte ao mar.