A que soan os Camiños de Santiago?

carme d. prol / A. A.

FUGAS

cedida

Un proxecto espalla ata o día 21 a semente da música en galego para revelar os nosos fitos musicais

18 jun 2021 . Actualizado a las 11:50 h.

Dende o inicio de xuño, o Camiño de Santiago ten un peregrino singular. Trátase da furgoneta La Duendeneta, unha icona da música móbil capitaneada por Carlos Crespo, que presenta a proxecto Os camiños das músicas galegas. Unha programación de sesións musicais que percorren vilas situadas nos distintos Camiños en Galicia, co obxectivo de dar a coñecer os fitos musicais máis destacados da nosa historia. A idea xurdiu «coa constatación de que os peregrinos marchaban de Galicia sen escoitar música en galego porque, por desgraza, non está presente máis alá das festas», explica Carlos Crespo. As sesións percorren cincuenta anos da nosa historia musical en pouco máis dunha hora. Comeza en Andrés do Barro, o primeiro en acadar o número un na lista de éxitos española e finaliza coas últimas novidades do panorama musical, como Grande Amore. Polo medio, entre os comentarios de Crespo, pasamos pola canción protesta, o auxe do folk, o fenómeno bravú ou a xeración Xabarín. Nestas sesións, Carlos decatouse de que non só estaba descubrindo música aos peregrinos -«nós mesmos non a coñecemos»-, moita xente das vilas non sabía da variedade e historia que a música galega tiña para ofrecer. 

Este proxecto tamén nace animado polo bo momento que vive a música galega. «É un fenómeno transversal que non ten que ver con movementos musicais, non hai tendencias, estase facendo música de todos os xéneros. Estamos no momento da historia con máis efervescencia musical en Galicia, no que máis calidade e creatividade hai». Isto é o que máis sorprende aos asistentes, a variedade que vén da man de grupos como Tanxugueiras, Baiuca ou Verto. Porén, mais alá de artistas, Carlos conta que o Camiño ao que soa é «a licor café, ao campo da festa. No Cebreiro chega a xente cansa, con bochas nos pes, pero en canto lle pos esta música, anímase. O Camiño é un campo da festa dende o Cebreiro ata Santiago».

A Duendeneta está agora no Camiño Portugués e chegará esta fin de semana a Compostela con varias sesións, de tarde e de vermú, programadas para os días 20 e 21, poñendo así fin a esta viaxe.