A gran aventura do corredor

DIEGO AMEIXEIRAS

FUGAS

PILAR CANICOBA

02 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

 Un cativo atravesa o corredor dunha casa coma quen se dispón a pelexar cos seus medos máis recónditos. Tremendo desafío en cada paso. A maior epopea de todos os tempos. Unha gran aventura doméstica de consecuencias imprevisibles. Nas tebras flotan mil misterios sen nome: un mundo descoñecido, o límite entre a vida e a morte. Rafael Dieste describe ese momento que entusiasmaría a Stephen King nun dos mellores relatos de Historias e invenciones de Félix Muriel. O pequeno, na fronteira dunha sala ateigada de sombras, acaba regresando á luz para refuxiarse nos brazos protectores do pai. A conclusión da tía Eulalia, que anda por alí, serve para darlle título ao conto: «Este niño está loco». Pero a muller, demasiado atrevida, debería estender o diagnóstico. Só hai que asomarse ás imaxes de O resplandor. Estás diante da televisión tan tranquilo, vendo pasar os anos, e resulta que segues sendo o neno do triciclo. Ese que pedalea por outro corredor.

Porque resulta que os tolos somos todos, incluída Eulalia, que quizais non o sabe. Seguro que os seus terrores, os nosos, darían para un intrigante spin-off ao que Dieste lle aplicaría un magnífico acabado. Os maiores conservamos intactas as mesmas alarmas dese rapaz que se adentra na escuridade igual que o primeiro explorador dun bosque frío. O mesmo pánico ao descoñecido que co tempo pode aloxarse no extremo doutro corredor, este moito máis escuro e angustioso: a boca aberta da incertidume, o gran buraco da desesperanza. O túnel sen fin do abatemento. Están os psiquiatras insistindo outra vez estes días na necesidade de tomarnos en serio o estado da nosa saúde mental: ansiedade, estrés, depresión. Nubes negras, tristuras crónicas, corredores cheos de sombras. Hai para todos. Ten sorte ese neno tolo que non o está cando volve á luz procurando uns brazos salvadores, o calmante xusto para respirar de novo en calma. Outros, grandes sen triciclo e pequenos con medo, vense atrapados aínda no escuro, sen atopar o cartel da saída. Que resplandezan co verán.