
Neste verán atípico, Cambados ten un atractivo máis, un espazo para unha das figuras máis grandes de Galicia
13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O día do 145.º aniversario do nacemento do poeta Ramón Cabanillas, inaugurouse en Cambados o museo que recorda o seu veciño máis ilustre. Van alá dous meses dende que se cumpriu o soño da súa neta, Pitusa Vidal Cabanillas, que reivindicaba un espazo digno para coñecer o avó. Coa mesma, non releou esforzos nin xenerosidade ao ceder libros, fotografías, documentos e pertenzas persoais que nos permiten achegarnos non só o gran autor que foi, senón a persoa.
Neste verán atípico, de seguro moitas persoas aproveitarán para achegarse á capital do Albariño e entón poderán descubrir que conta cun atractivo máis: un espazo para o «primeiro grande poeta e escritor monolingüe da historia de Galicia», en palabras de Méndez Ferrín. Un fascinante paseo polo «camiño longo, camiño da súa vida», marcado polo compromiso galeguista e a súa escrita renovadora.
«Quero na lousa que me de sosego/ esta palabra que ten luz: Poeta/ e esta palabra que ten ás: Gallego». As dúas palabras claves do seu epitafio (poeta e galego), xunto con outras dez (desterro, escena, prelo, fouce, familia, fe, Cambados, irmáns, canto e sempre), proxéctanse con luz sobre a mesa, colocada no centro da sala, na que Cabanillas traballaba cando estaba na casa familiar da rúa Real de Fefiñáns e onde rematou o seu derradeiro poemario, Samos.
O proxecto museístico dirixido e deseñado por Pepe Barro ten moi en conta a biografía de referencia do vate cambadés feita polo chorado Luís Rei (1960-2015) e material do legado familiar, que comezou a catalogar Luís e rematou o académico Francisco Fernández Rei.
Entre os obxectos, hai algún tan singular como a coroa con loureiros da horta de Rosalía, que lle impuxeron a Cabanillas o luns de Pascua de 1958 nun acto multitudinario. Outra cesión do Museo de Pontevedra é a máscara fúnebre realizada polo seu amigo o escultor Francisco Asorey. A Real Academia Galega depositou a medalla histórica que se lle entregaba aos académicos no seu ingreso na institución. O pucho co que o bautizaron, os seus anteollos, primeiras edicións, cartas ou retratos tamén poden verse, xunto cun audiovisual onde persoas de Cambados recitan o himno patriótico «En pé!».
Cambados foi sempre porto de abrigo para Cabanillas, pero viviu noutros moitos lugares, incluso tivo que emigrar a Cuba, país onde se consolidou como escritor e onde axiña comezou a publicar en revistas ademais de dar ao prelo dous libros claves: No desterro e Vento mareiro. En Cuba non nace só un poeta, senón un poeta galego cun fondo compromiso político que mantén ao seu regreso á terra, onde se integra nas Irmandades da Fala. A. Villar Ponte enseguida veu nel a figura representativa das nosas letras e axiña o bautiza como o «poeta da raza».
Con este museo ábrese unha fiestra máis para coñecer unha das figuras máis relevantes do país dunha maneira atractiva. Mirando o seu mar de Cambados repousa o legado dun camiño longo que xirou sempre arredor da bandeira azul e branca.