Outono con Clint Eastwood

La Voz FUGAS

FUGAS

13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En novembro estréase Cry Macho, a última película de Clint Eastwood, e dende que se pode ver o tráiler xa estou nervioso, con ansia de ir correndo ao cine e de que ese señor de 91 anos me conte outra vez unha historia. Aínda que, se o penso mellor, creo que un horizonte en compañía de Eastwood me provoca, en realidade, o sentimento contrario: unha explosión de tranquilidade, un ataque de placidez, a confianza de que algunhas cousas importantes, malia todo, aínda seguen ocupando o seu sitio. Tranquilidade porque sabes que chegará o outono e volverá iso que tanto agardas, a película dun tipo de San Francisco que nos regalou Sen perdón ou Gran Torino. Igual que tes a certeza de que xa están saíndo os primeiros tomates ou de que haberá vendimas e magostos. O básico, para entendernos.

A perspectiva dun novo encontro con Eastwood, polo menos a min, convidándonos a unha das súas citas periódicas na butaca, obrígame a vivir unha ilusión de permanencia fascinante: ves o seu rostro na pantalla, cargando no lombo con máis de sesenta anos da historia do cine, e case estás sentindo que Don Siegel ou Sergio Leone nos mandan saúdos a través das súas engurras. Remataron estes días os xogos olímpicos, que forman parte tamén deses ciclos da vida que se repiten para darnos a perspectiva máis crible de nós mesmos. E sen eles queda un medio atrapado nunha illa melancólica, pensando en como lle irán as cousas a Allyson Felix, e coa televisión pedindo trasnoitar menos. Pero reacciono ao comprobar que o verán endereita o seu rumbo polo agosto profundo, deixándonos por fin unha sesión continua de sol. E aínda máis agora que nos promete un novembro con Cry Macho.

A Eastwood debémoslle varias películas perfectas sobre a redención, esas historias de tipos que nalgún momento da súa existencia aspiran a ser perdoados ou a outro éxito bastante máis difícil de conseguir, que é o de perdoarse de verdade a un mesmo. Supoño que a medida que se vaia achegando a data de estrea de Cry Macho moitos despistados volverán informarnos da súa ideoloxía e tentarán convencernos outra vez, sinalando algúns dos seus filmes, de que estamos ante un perigoso reaccionario. En consecuencia, haberá quen se vexa na tesitura de ter que defender o obvio: que se pode ser un xigante dende posturas conservadoras e alcanzar maior profundidade moral que con posicionamentos progresistas. O resto, para compensar, estaremos gozando da certeza de que en novembro a vida será mellor. Que tranquilidade.