É a rede social de moda, primeiro triunfou no mundo dos videoxogos e agora creadores de contido de todos os ámbitos acoden a ela para retransmitir xogos, charlas ou sesións de arte
13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Nunha época na que a televisión en directo semella un formato vello, aparecen novas maneiras de retransmisión. A rede social Twitch ocupa na xuventude o oco do televisor, cunha gran comunidade de creadores e consumidores que pasan horas vendo retransmisións de partidas de videoxogos, faladoiros sobre ciencia ou política, entrevistas ou mesmo ven a unha artista traballar en directo. A esta onda xa subiron creadores galegos que non dubidan en facer chegar a lingua e todo tipo de contidos a esta rede, a pesar de que o galego non está rexistrado como idioma oficial dentro da plataforma, o que complica a procura directa, xa que non podemos filtrar as contas segundo a etiqueta da lingua. A comunidade de creadores vai máis ala de Twitch, tamén podemos encontrala en Twitter, dentro de @GalegoTwitch, unha conta que agrupa a todos os proxectos en galego e informa de cando retransmiten. Contan cunha páxina web e ofrecen recursos para quen está comezando. Tamén teñen aberta unha petición a Twitch na que recollen sinaturas para que o galego sexa recoñecido como lingua na plataforma.
O primeiro éxito
Agos Reigosa é o nome detrás da plataforma Twitch en Galego. Creouna porque «non era doado atopalos xa que Twitch non ten opción de indicar que un directo é en galego, así as persoas que creaban contidos no noso idioma perdíanse. O primeiro que fixen foi o perfil de Twitter como unha forma de ir dando a coñecer a todas as contas que emitían en galego. Despois, a creación da comunidade foi algo natural, que houbese xente emitindo en galego animou a outra xente a facelo e isto, ao mesmo tempo, levou a que houbese máis dúbida sobre como usar a plataforma, como empregar as ferramentas e tamén que xurdisen colaboracións e todo tipo de eventos», explica. A esta comunidade chegaron creadoras como Iria Ribadomar, unha ilustradora que comezou en Twitch facendo directos de «debuxo colaborativo» nos que os espectadores decidían o que ela debuxaba no momento. «É moi divertido porque saen cousas moi surrealistas», lembra Iria sobre esa experiencia. «Twitch en Galego púxose en contacto comigo despois do primeiro directo. É unha plataforma moi acolledora na que difunden cando retransmitimos e ofrecen axuda», conta a ilustradora.
Twitch, agora mesmo, é unha das redes de contido máis importantes. Entre as claves do seu éxito, Agos destaca que «sabe atraer a un público moi variado, hai contido para todo tipo de persoas as 24 horas do día. Despois, a cercanía co teu espectador, e a do espectador co seu creador de contido, o chat está sempre aí e a interacción nos dous sentidos é constante».
As retransmisións de videoxogos foron o primeiro éxito de Twitch e en galego destaca a conta Recuncho Gamer, de Iago Gordillo, dedicada a este ámbito. Porén, o mundo da divulgación científica non foi alleo ao auxe da plataforma. Así naceu Balea Vermella, un proxecto dos divulgadores Javi Balea e Iria Veiga no que fan directos con outros convidados para tratar temas como a saúde mental, astronomía ou cambio climático. Para eles é importante estar presentes en Twitch porque «a divulgación da ciencia debe estar presente en todas partes porque unha das razóns principais desta e a democratización do coñecemento científico e é importante usar estas plataforma para chegar a novos públicos», explican.
Sobre a importancia de ter contido en galego en Twitch, Agos opina que «é un medio actual e coñecido. Se o contido que fas é interesante para o espectador este non só vai quedar, senón que volverá e traerá máis xente, e o idioma non será máis que outra característica da retransmisión. O galego ten que estar presente en todos os eidos da nosa vida e Twitch non deixa de ser outro máis». Para Balea Vermella: «No referente á normalización do galego todo suma. O ideal sería que a xente que está a crear contido nestas plataformas recibise maior atención e apoio por parte das institucións».