Sonia durmía sendo Sonia

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

Pilar Canicoba

01 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A vindeira semana cúmprense trinta anos da morte da muller transexual Sonia Rescalvo, asasinada o 6 de outubro de 1991 por un grupo de neonazis no parque da Ciutadella, en Barcelona. Durmía á intemperie cando os fascistas a golpearon brutalmente coas súas botas con puntas de ferro ata rematar coa súa vida. Dori, a súa amiga, puido recuperarse das graves feridas que sufriu. Pero Sonia xa non abriu máis os ollos. O seu asasinato considérase o primeiro crime dunha persoa transxénero, polo feito de selo, do que se ten constancia en España. Un paseo polas crónicas da época produce arrepíos: os asasinos, con actitude desafiante, non deron unha soa mostra de arrepentimento. Ao contrario: un deles dixo sentir, no momento da agresión, unha forte dor provocada pola rotura da unlla dunha deda.

A linguaxe coa que algúns medios deses anos se referiron ao suceso tamén puido ser máis afortunada, aínda estando en liña co que daquela todos considerabamos aceptable. Alén dos detalles escabrosos de rigor, nunha lectura rápida do escrito sobran as referencias á orientación sexual da vítima e, por suposto, a insistencia en chamala polo seu nome de nacemento, tratándoa co artigo masculino. Sonia era Sonia. Pero aínda que hoxe estamos lonxe de erradicar a violencia homófoba da rúa, ese tipo de usos lingüísticos degradantes, grazas a unha maior concienciación social, están cada vez máis desterrados, malia que de cando en vez teñamos que soportar algunha barbaridade en boca dos intolerantes de sempre. Porque as palabras do século XXI, por sorte, xa non son cómplices da barbarie.

No camiño que seguimos facendo cara a unha linguaxe máis respectuosa -con varias frontes abertas-, o agradecemento ten que ir para esa xente que leu as novas do asasinato de Sonia hai tres décadas e torceu o bico ante o xeito en que daquela se refería a realidade dunha persoa transxénero. Porque moitos lemos aquilo sen caer na conta da carga ofensiva que soportaba, posuídos polo espírito da época, igual que devorabamos novelas ou viamos películas onde a diversidade sexual se expuña tantas veces en termos ignominiosos, e sen que nos parecese reprochable. Grazas a que eles pensaban iso hai trinta anos, en minoría, hoxe somos maioría os que celebramos unha linguaxe que non desaire a complexidade da vida. Falta librarnos dos que propagan odio ata polas unllas.