Un referendo para Vargas Llosa

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

El escritor Mario Vargas Llosa, en una imagen de archivo
El escritor Mario Vargas Llosa, en una imagen de archivo María José López | Europa Press

15 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«O importante dunhas eleccións non é que haxa liberdade, senón votar ben». Todo se acelera, todo é efémero, todo se esquece. A obsolescencia chega rápido á linguaxe embrutecida. Ninguén lembra o trending topic de onte, a polémica de hai dous días, o último exabrupto no congreso. Pero que as palabras de Vargas Llosa se sigan repetindo hoxe no debate público, pasadas xa un par de semanas dende que as pronunciou, demostra que estamos ante unha desas citas ás que se lle augura un futuro espléndido. O escritor falou sen cancelas, apoiado nunha curiosa concepción da democracia, e a súa observación, ao momento, adquiriu categoría de posteridade, inscrita en letras de ouro. En medio do ruído que nos abouxa nas redes sociais, a frase converteuse nun clásico instantáneo ao que sempre acudiremos para exemplificar este tipo de xuízos: que votar como é debido (polos nosos) é máis importante que votar libremente. Non é doado deixar sentenzas tan firmes para a historia. Pero así falou aquel día Mario Vargas Llosa, con vocación de eternidade.

Cando o escritor peruano rematou de escribir a súa primeira novela, alá por 1961, nun apartamento de París, aquel manuscrito do futuro Nobel tiña un título ben interesante: La morada del héroe. Máis tarde, o texto pasou a chamarse Los impostores, que tampouco estaba mal, pero a cousa seguía sen encherlle o ollo. Así que tivo que ser unha persoa de confianza, o crítico José Miguel Oviedo, quen lle suxeriu La ciudad y los perros, o título co que hoxe coñecemos unha novela espléndida, publicada cando apenas tiña vinte e seis anos. Vese que aquel Vargas Llosa mozo, con tanto futuro, non tiña problema en someterse a un bo consello. Xa que logo, recoñecida esa virtude, penso nun panorama posible para estes días: sesenta anos despois, estaría o mestre disposto a convocar un referendo entre os seus lectores para preguntarnos se debe seguir alimentando o seu proverbial gafe político ou, polo contrario, retirarse a un confortable segundo plano onde redactar outra obra mestra que coroe, aínda máis, a súa xigantesca altura literaria? Non teño vocación de Tezanos, pero estou seguro de que gañaría con maioría absoluta a segunda opción. Así a todo, a cuestión importante é outra: aceptaría a miña humilde papeleta ou, informado de que son de Ourense, alguén lle diría antes que por alí temos certa sona de votar mal?