Xela infinda, a estrela vermella das letras universais galegas

FUGAS

Xela Arias.
Xela Arias. siro

31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na cultura galega, este ano refulxiu a figura de Xela Arias dunha maneira moi especial. En poucas ocasións a persoa homenaxeada coas Letras Galegas concita tanta fascinación, interese e repercusión. A súa imaxe xa icónica e a súa palabra valente ecoaron con forza nas aulas, nas prazas, nos bares, nos concertos... A través de diferentes publicacións descubrimos unha muller poliédrica que se comprometeu coa lingua de seu na escrita poética, pero tamén na tradución e en cada faceta da súa vida. Foi entrañable observar como ese proceso de construción da súa biografía sorprendía por veces o seu fillo, ao tempo que el compartía recordos persoais e íntimos da nai, como o sabor da torta de mazá que lle facía. Con nove anos perdeuna, pero, sen dúbida, un dos legados máis poderosos que lle deixou foi o poemario Darío a diario, co que confesou dialogar e buscar consellos cada vez que volvía ás súas páxinas. Mentres, para nós é un libro pioneiro que desmitifica a maternidade dende a experiencia, fuxindo de convencionalismos, mostrando os medos e a dor, pero tamén o pracer e o gozo.

No Arquivo-Biblioteca Fernández del Riego atopáronse as primeiras redaccións da pequena e dos irmáns, uns escritos inocentes, moitas veces con debuxos. O pai, Valentín Arias, co pretexto de presentalos a concursos infantís, sentábaos ao redor da súa mesa de traballo e compartía con eles a paixón pola escrita. Noutras ocasións pedíalles que o axudasen a empaquetar libros para vender nas feiras, cando era xerente da Editorial Galaxia, ou mesmo que puntualmente atendesen os usuarios na Fundación Penzol. Así creceu Xeliña, rodeada de amor pola literatura e ao tempo espertando á cidade proletaria de Vigo, onde asentara a familia cando ela contaba con sete anos.

Gustáballe estar a pé de rúa: colaborou en fanzines, con artistas gráficos, pintores ou músicos, e teceu colaboracións interdisciplinarias asumindo «como regra vital a independencia». Unha das máis significativas foi o diálogo coa fotografía en Tigres coma cabalos, o seu segundo poemario, onde se espía de corpo e de voz. Seguía a tensionar os versos, a sintaxe, os pronomes, porque escribía como vivía, en contra da orde establecida.

Afirmou que «sendo muller aínda é ben difícil vivir nas nubes» e a rabia que lle daba ter que afirmarse feminista, porque implicaba que aínda había que loitar pola igualdade. As súas palabras e as súas reivindicacións seguen vixentes, quizais por iso o poder de atracción que espertou este ano sobre as novas xeracións foi inmenso. Había tempo que non se publicaba tanto arredor dunha autora, ás librerías chegaban as edicións e ao pouco esgotábanse, o país inzouse de actividades. Por reparar só nunha, lembro a organizada pola AELG para institutos. Nela Lara Dopazo retaba a rapazada a adiviñar se os versos que lles ía proxectando pertencían a cancións actuais ou pertencían a Xela Arias. E o certo é que non resultaba nada doado atinar, o que demostra a súa modernidade e o preto de estivo sempre da música, especialmente do rock'n'roll, queréndose unha «Lou Reed en feminino».

Este ano Xela Arias deixa ese selo rebelde, inconformista, esa imaxe coa chupa de coiro e a estrela vermella. Xela é poeta, editora, tradutora, profesora, nai. Xela é conciencia, nación, lingua, xénero. Xela é inabarcable, por iso todo comeza a partir desta celebración.