Do aquén e do alén virtual

Ramón Nicolás

FUGAS

Que ocorrería se existise un lugar en internet, poñámoslle «Eternity», que preservase a memoria das persoas que falecen converténdose nun cemiterio virtual? Xosé Monteagudo convídanos a reflexionar sobre isto na súa nova novela, premio de narrativa breve Repsol 2021

07 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Todo relato sobre outra persoa sempre remata por ser tamén un relato sobre quen o crea», afirma a protagonista da última novela de Xosé Monteagudo, que resultou galardoada na 15.ª edición do premio de narrativa breve Repsol 2021. Esta sentenza goza de sentido pleno se a valoramos dentro do desenvolvemento argumental desta peza mais, talvez, poida abrazar outras posibles lecturas. Con todo, e á marxe destas consideracións, de Eternity sintetizaría tres aspectos que a singularizan.

En primeira instancia, salienta nela un rexistro narrativo áxil, moi traballado e dono dun ritmo propio que explica as razóns que conducen a considerar a prosa de Monteagudo como unha das máis transparentes e brillantes. En segundo lugar, esta novela idea un argumento que desenvolve un «que ocorrería se...?» máis que posible, isto é, e se existise un lugar en internet, poñámoslle «Eternity», que preservase a memoria das persoas que falecen converténdose dalgún xeito nun verdadeiro cemiterio virtual? Por tanto, velaí a pairar a idea da morte, mais tamén a da reconstrución da memoria, sempre distinta en función da óptica persoal de quen a comparte e, por suposto, a presenza da persecución teimosa de transcendencia do ser humano que, ademais, incorpora o concepto da dixitalización das nosas vidas. E todo isto desenvolto, ademais, con outro fío argumental parello, como é o da descuberta dun pasado enigmático da protagonista grazas á memoria da súa propia nai.

En terceiro lugar, non esquezo outras liñas temáticas que se desvelan como suxestivas e solidamente integradas, tales como a precariedade laboral ou outro aspecto que me interesou especialmente, case de filiación metaliteraria, como é o da reflexión sobre as claves que gobernan a construción textual dos relatos, sexan estes os que refiren a vida das persoas falecidas ou, por extensión, os que atinxen á estética narrativa presente nesta recomendable novela, tan operativa para pensarmos nas relacións entre o aquén e mais no alén, aínda que este sexa de natureza, polo de agora, virtual.