O material co que se forxan os soños

FUGAS

Tanxugueiras en el Benidorm Fest
Tanxugueiras en el Benidorm Fest RTVE

04 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca me sentín atraído polas luces de Eurovisión, pero por suposto que pasei a noite do sábado pegado á tele desexando a vitoria das Tanxugueiras. Coma se me xogase a miña estabilidade mental rezando polo éxito de Aida, Olaia e Sabela sobre o escenario de Benidorm, responsables dun rebumbio de bolboretas no estómago que non se me quitou ata que se soubo o resultado do festival. O resto é de sobra coñecido: incredulidade a mares, decepción e algúns membros do xurado que quixeron divorciarse, coma na semifinal, dos gustos maioritarios da audiencia. Pero tamén a constancia de que foron elas as que levaron o aplauso máis sonoro da xente que, co móbil na man, advertiu en Terra unha emoción compartida alén do lugar onde palpita cada día o seu enorme talento. Porque as tres desbordan ríos de carisma, esa calidade que che permite entrar por unha porta e sentir que todos os ollos se dirixen a ti. As Tanxugueiras teñen música e iso que non se sabe de onde vén: un imán secreto que activan antes de cantar, un dispositivo de adhesión inmediata. En consecuencia, calquera problema se remonta cando as escoitas.

Ao día seguinte espertei cunha estraña resaca. Cun excedente similar ao que se nos queda metido no corpo, entre cavilacións profundas, cando pasamos a noite anterior celebrando a vida cuns descoñecidos que atopamos no último bar aberto. Descoñecidos que vinte e catro horas máis tarde volven ser os mesmos seres alleos a ti, cos que pouco tes en común, pero cos que compartiches algunha afinidade empurrado polas ganas de exaltarte porque si e lembrar que segues vivo. As Tanxugueiras, que tantas ilusións espertaron mesmo entre os que habitualmente somos insensibles ao carro eurovisivo, tamén propiciaron iso: que por un intre algúns nos deixásemos arrastrar polo desexo de que unha canción en galego chegase ao festival, mesmo á custa de vernos compartir bandeira con quen non ten reparos en desarmar a sanidade pública ou todo o miden en termos de aldraxe nacional. Asumo con deportividade que a emoción, esa perda de papeis incontrolable, provoca estraños compañeiros de cama. E o máis importante: que regreso á miña indiferenza eurovisiva sen que se me quite do corpo o frenesí atávico que contaxian as Tanxugueiras. Porque, coma o falcón maltés de Dashiell Hammett, elas si que están feitas do material co que se forxan os soños.