A Rede Museística Provincial de Lugo mestura arte e humor para achegarse á mocidade
05 jun 2022 . Actualizado a las 22:06 h.No 2017 un vídeo sacudiu as redes sociais, titulado Velaske yo soi guapa? fixo dun dos cadros máis importantes da historia da arte, as Meninas de Velázquez, un meme. O mellor do patromonio nacional xuntouse co humor da internet e fixo a moita, moita xente rir. Pero non só iso, tamén conseguiu que moitos coñeceran a historia da infanta Margarida dunha forma máis divertida que nos libros da escola. Daquela non existía TikTok, a rede caracterizada polo infinito sentido do humor da xente que crea contido nela, na que igual que nese pioneiro vídeo, a arte tamén pode ser protagonista. Museos e institucións culturais de todo o mundo colleron as súas propias Meninas e fixéronas falar unha nova linguaxe. Tamén os galegos.
A conta da Rede Museística Provincial de Lugo (@redemuseisticaprovincial) que agrupa ao Museo Provincial, Museo do Mar, Museo-Fortaleza San Paio de Narla e o Pazo de Tor, mestura as súas mellores pezas coas tendencias da rede. «Memetiza» ao patromonio sen esquecerse de divulgar. Deste xeito temos a Isabel II, retratada por Manuel Antonio Vales, afirmando «I look phenomenal». Ou tiktoks nos que ironizan sobre o feito de usar reloxos de sol, na idade media, nun lugar como Galicia. Outras pezas destacan pola labor informativa como a que explica que é unha figa ou unha foliada, términos agora populares grazas a Tanxugueiras, e acumulan máis de vinte mil gostos.
Estar presenta nunha rede social tamén é seguir as regras da aplicación e isto o sufriron os museos lucenses. Un dos vídeos máis exitosos da conta foi eliminado por TikTok xa que mostraba a figura do século XVII dun Neno Xesús espido, o que a rede interpretou de forma automática como contido sexual. Fora da anecdota as ideas son ben recibidas polo público, con miles de gostos e seguidores que non fan máis que aumentar.
Unha forma de achegarse a mocidade
Encarna Lago é a xerente dos departamentos de comunicación e didáctica da institución e ten claro que está no lugar correcto apostando por esta vía de comunicación: «TikTok é unha ferramenta para chegar a xente que custa captar doutro xeito. A mocidade ten que participar na institución e nós temos que achegarlles o patrimonio para que o valoren. Non dende o pasado casposo, dende a frescura e a innovación». Tamén están presentes en Facebook ou Instagram e practicamente todo o persoal dos museos participan dunha forma ou outra na creación do contido. Para Encarna o principal e facer unha conversa coa xente e loitar contra a idea de que as institucións culturais teñen que ter un único discurso.
É unha aposta polémica xa que o debate sobre se facer contido humorístico, ou mesmo estar presente de forma activa nas redes, desvalorizan aos templos da cultura está aí. Victoria García, auxiliar de sala do Museo Provincial e cara visible na conta de TikTok, recoñece que tiñan medo as críticas, pero que a resposta foi sempre positiva. «O sector cultural tense que sumar a cultura popular porque é o que consume a xente, se non ven o patrimonio é como se non existise. É bo romper a concepción de que temos que ser serios porque a xente tamén ten que sentir que a arte é deles e nós temos que ser accesíbeis para quen quere facer unha análise académica e para quen procura entretemento», afirma.
Javier Rego, compañeiro de Victoria na rede e no Museo, conta que no proceso de creación non esquecen a parte historiográfica para informar ben ao seu público: «O que facemos nós é absorver a información doutros departamentos e trasmitilos por TikTok con outra linguaxe». O historiador tamén destaca a conexión que se forma coas novas xeracións mediante esta canle: «É unha rede dinámica, chea de gozo e xuventude coa que rachamos coa idea de que somos un centro aburrido».
E, de onde sae o inxenio? A inspiración para estes expertos da arte e creadores ven de moitas horas mirando as tendencias e mesmo seguindo o exemplo de contas como a da Galeria Uffizi, en Italia. O esforzo ten recompensa, xa hai adolescentes que cruzan a porta coñecendo os vídeos. Aínda que, polo momento, non o fan bailando.