Maldades

Carlos Casares Á MARXE

FUGAS

12 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día pedíronme que definira a maldade. Non fun capaz, pero acordeime da novela O primo Basilio, de Eça de Queirós, onde hai un personaxe perverso, a criada de Luisa, que somete a esta a unha chantaxe dunha ruindade refinada, todo porque sabe do adulterio da señora co seu primo. Trátase, sen embargo, dunha maldade negra, nacida nos abismos escuros da alma, como se fose o arroto dunha víbora ou dun sapo. Como tal, produce noxo e esperta sentimentos de desprecio. Pero a maldade non sempre é tan mala.

Poñerei outro exemplo. Un día, unha señora presentouse no estudio dun pintor con intención de que este lle fixera un retrato. Non lle impuxo condición, a non ser que lle pintara unha diadema de diamantes e outras pedras preciosas, así como un colar igualmente fastuoso. Rematado o traballo, o artista quixo saber a razón daquel capricho e obtivo a seguinte resposta: «É para que os meus fillos se pelexen entre eles, despois de morta, buscando unhas xoias que non existen». Maldade pura, pero salvada pola gracia cínica da intelixencia.

15 de agosto do 2000