A sentenza será terrible

Diego Ameixeiras FUGAS

FUGAS

PILAR CANICOBA

22 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os médicos aconsellan observar os sinais do corpo para detectar un posible problema de saúde. Un pequeno cambio, en aparencia irrelevante, pode estar a dicirnos algo que pide ser corrixido antes de que a cousa vaia a maiores. Pero somos demasiado teimudos, vivimos nunha realidade engreída onde non cabe esa escoita, sempre tan necesaria, e empeñámonos en non facer caso. Miramos cara a outra dirección con temeridade, sen pisarmos o freo, confiados na ilusión da nosa omnipotencia. Non lle regalamos atención ao corpo —atender: a forma máis rara e pura de xenerosidade, apuntaba Simone Weil— e un día calquera, cando menos o agardamos, resulta que nos erguemos cun sinal de alerta que nos saúda demandando unha actuación inaprazable. «Se daquela me tiveras en conta», parece dicir entón ese músculo, unha dor de cabeza, aquela sensación de fatiga. O mesmo que non para de berrarnos nos últimos tempos esa gran pel colectiva á que chamamos natureza. Que fagamos caso da súa indignación, das súas luces de emerxencia, do seu brillo ferido. Que escoitemos, xa vai sendo hora, a súa voz.

Pero temos os oídos tapados á evidencia. Por iso a tristura que nos deixan os incendios —e os que virán nos próximos anos, se non poñemos remedio, agora que o cambio climático alimenta a súa ferocidade— é unha tristura inabarcable, de dimensións cósmicas. Doe no máis profundo a visión da paisaxe queimada. A catástrofe humana e natural, a apocalipse de tantos lugares amados que tardarán décadas en recuperarse. Os testemuños dos veciños indignados pola apatía da Administración, a falla de medios coa que enfrontarse ao lume, a ausencia dunha prevención axeitada contra un inimigo poderosísimo que cada verán, xa o sabemos, será máis forte. Ocorre que non prestamos atención ao que temos diante dos ollos: hai tempo que substituímos a humildade de observar —e con ela, a verdadeira conciencia da nosa insignificancia— por un ensimasmento como especie que nos leva directos ao desastre. Moitos non estaremos para saber que dirán de nós os futuros libros de historia. Aínda menos mal, porque a sentenza será terrible. Oxalá poidan destacar que chegamos tarde para paliar a catástrofe, pero chegamos. Diagnosticados, iso si, como unha xeración da que non se sabía a que estaba atendendo mentres nos montes se lle queimaba a alma.