Un sacho, un futuro, unha cámara

Diego Ameixeiras

FUGAS

29 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Facer cine é decidir o mundo no que queres vivir». Previstas para o inicio do mes de setembro, Oliver Laxe anunciou estes días a posta en marcha dunhas residencias para o desenvolvemento de proxectos cinematográficos na aldea de Vilela, nos Ancares, entre os municipios de Navia de Suarna e Cervantes. A idea, como se pode adiviñar, vai máis alá do estritamente creativo: o asunto non só consiste en facilitar aloxamento e ferramentas en beneficio dunha posible película, senón en propiciarlle ao residente unha interacción axeitada co entorno humano e xeográfico. O director de O que arde sabe ben do que fala, non en van converteu Vilela no lugar dende o que observa a vida achegándonos unha obra libre e orixinal, con certeza un dos maiores acontecementos que nos deu a cultura galega deste século. Neses montes dos Ancares, coa súa impresionante beleza, que levan décadas enfrontándose ao esquecemento e buscan agora un encontro co futuro onde cabe o soño de imaxinar películas. Un oficio que consiste, basicamente, en mirar e comprender. Tamén dende a soidade reveladora da montaña.

Dun pasado aínda recente da serra infórmanos un libro ben fermoso do poeta e filósofo Emilio Araúxo, Nunha brancura de cella. Ancares (Toxosoutos), uns «apuntes de situación» moi singulares, para lermos con vagar, que recollen fragmentos de vida na zona entre finais da década dos oitenta e principios dos noventa do século XX. Acompañados de debuxos e fotografías, os textos reflicten a voz espontánea duns veciños —homes e mulleres resistentes— que nos falan dos labores agrícolas e das lembranzas coas que hoxe nos vemos transportados á súa infancia ou á traxedia da guerra. Unha linguaxe en movemento onde os testemuños, libres de intervención, comparecen ante nós con extraordinaria viveza. Cunha vibración doutro tempo que nos interpela case coma unha especie de reverberación última da terra. Velaí están os habitantes dun pasado, no corazón dos Ancares, cuxo eco temos a sorte de escoitar grazas a quen un día recolleu a súa palabra para entregárnola igual que se acabase de saír do centro do universo. Os novos veciños, coma Oliver Laxe, son os que neste século XXI porfían en seguir observando dende alí o mundo. E nos que cómpre confiar agora para que dirixan unha revolta silenciosa cun sacho e unha cámara.